Carnota – Monte Pindo

Monte Pindo
Monte Pindo

Situación
Concellos de Cee, Dumbría, Mazaricos e Carnota, na Coruña.

Superficie
4.628,87 ha., das cales 438 ha de augas mariñas.

Acceso
A estrada C-550, entre Cee e Carnota.

Servizos
Aloxamento: Si.
Comer: Si.

Máis información
Turismo mariñeiro (www.mardelira.net).

Equipamentos
Centro de Interpretación Paisaxística (A Cabana-Lira).

Outros espazos naturais relacionados / Próximos: 
LIC “Costa da Morte”
LIC “Monte e Lagoa de Louro”

Un “Olimpo” particular

Praias, dunas e marismas; cantís, illas Lobeiras e reserva mariña; o río Xallas coa lendaria fervenza de Ézaro, o Olimpo celta do Pindo coas súas esculturas naturais en granito, Punto de Interese Xeolóxico nacional… Todo isto forma un dos espazos litorais máis variados da comunidade, onde o natural reborda grandeza.

A praia de Carnota pasa por ser a máis extensa de Galicia. O areal, de sete quilómetros de longo por medio de largo prolongado en dunas, ábrese nunha canle na zona norte por onde penetra o mar creando unha chaira intermareal de gran produtividade natural. Da fertilidade da veiga contigua ás marismas dan testemuño os soados hórreos ou cabaceiras de Carnota. Son os depósitos de gran e almacenamento hortícola máis longos de Galicia.

O Monte Pindo érguese 627 metros a escasos dous quilómetros do mar. Ao camiño de subida ata o cume da Moa cómpre dedicarlle un par de horas e moita precaución, sobre todo na baixada. O sendeiro está vixiado polas figuras pétreas de formas humanas como o “guerreiro” e outros castelos de granito que poñen a proba a gravidade e a imaxinación.

De máis doado acceso é o lugar onde o Xallas se precipitaba sobre o mar en forma de fervenza antes da represa do río augas arriba. Cando en datas sinaladas da temporada turística se abren as comportas do encoro, aínda se pode admirar a bravura dun dos cadoiros únicos en Europa. Por todo isto, O Pindo é un particular Olimpo Celta. Baseado ademais na similitude fonética co grego monte Pindhos.

Existe tamén pola costa de Carnota unha iniciativa pioneira: é o turismo mariñeiro para a revalorización da pesca artesanal e a creación dunha reserva mariña habilmente promovida pola propia Confraría de Pescadores de Lira.

View Larger Map

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *