Carballa da Rocha

Situación – Na localidade da Saínza, no concello de Rairiz de Veiga pertencente á comarca da Limia (Ourense).
Superficie – 0,63 ha.
Acceso – Estrada OU-531 de Xinzo de Limia a Celanova.
Servizos – Aloxamento: Si. Comer: Si.
Equipamentos – Paneis informativos
Outros espazos naturais relacionados / Proximos – Parque Natural “Baixa Limia-Serra do Xurés”, LIC “Veiga de Ponteliñares”
Raíces para gañar o ceo
En galego, o carballo (Quercus robur) adopta o xénero feminino cando se trata dun exemplar vello, de tronco voluminoso e copa moi desenvolvida. A Carballa da Rocha ou da Saínza presenta un porte magnífico. A súa medición oficial é de 6,90 metros de perímetro que deben tomarse a unha altura de 1,30 metros do chan. Máis arriba esgállase en dúas grandes pólas que superan os trinta metros de altura.
Ademais do seu interese botánico, á árbore da Saínza posúe un notable valor cultural. As súas raíces fúndense na historia de onde está plantada, nas proximidades da capela da Virxe da Mercé, e na memoria das xentes do lugar (Ver Reserva da Biosfera “Área de Allariz”).
Cada 24 de setembro, co gallo das festas patronais, a sombra desta carballeira acolle tamén unha senlleira romaría, unha das poucas recreacións en Galicia das batallas entre mouros e cristiáns. O denominado “ataque” represéntase no Campo do Castelo e está declarado Festa de Interese Turístico.