Cabo Fisterra: a fin do mundo

Na provincia da Coruña atópase Fisterra, Finisterre, Finis Terrae (fin da Terra) ou, o que é o mesmo, o fin do mundo coñecido na antigüidade. Trátase dunha lingua de terra rochosa que penetra no mar uns tres quilómetros e ten un ancho dun quilómetro e medio.

A forma alongada deste cabo e a situación de Galicia nunha esquina do Imperio Romano fixeron que durante séculos se considerase que non había nada máis aló desas terras. Quizá por iso este punto do mapa sempre foi considerado un lugar máxico, misterioso e cheo de lendas.

Dise que este é o lugar ao que quixo achegarse o mismísimo Décimo Junio Bruto despois de declararse vencedor na conquista da antiga Gallaecia para ver como o sol desaparecía engulido polo mar. Anteriormente había no lugar un templo dedicado ao Sol chamado Ara Solis, construído polos fenicios como lugar de culto do astro rei. Quizá por este motivo aínda hoxe o fin da ruta xacobea sitúase neste lugar ao que cada ano se achegan miles de peregrinos para ver a posta de sol despois de visitar a tumba do Apóstolo Santiago; alí queimarán as súas roupas e comezarán o regreso á casa.

Así, e desde o principio dos tempos, Fisterra evoca un misterio insondable na alma dos homes. As raíces da súa aura lendaria teñen a súa orixe na mitoloxía dos primeiros poboadores de Europa, que crían que o mundo terreal daba paso, coa chegada da morte, a outra existencia nun lugar situado ao oeste, onde vían poñerse o sol. Nas lendas celtas é frecuente atopar imaxes de heroes que fan a súa última viaxe a este paraíso nunha barca de pedra, e é por iso que esta unión de pedra, mar e espiritualidade pervive aínda hoxe ao longo da Costa da Morte de diferentes maneiras.

Hoxe en día, no alto do monte atópase a ermida de San Guillermo, lugar cristianizado a partir dos cultos pagáns relacionados coa fertilidade e onde se situaba a pedra chamada “cama do santo” ou “cama de San Guillermo”, que un bispo mandou destruír no século XVII por considerala pagá. Atópase tamén alí, entre restos arqueolóxicos, un sartego antropomorfo do século VII. Pero se hai un elemento famoso neste cachiño de terra é o faro de Cabo Fisterra que, cunha antigüidade de 164 anos, é o segundo lugar máis visitado de Galicia despois de Santiago de Compostela. Desde este punto divísanse unhas espectaculares vistas do Océano Atlántico, da Ría de Corcubión e da costa de Carnota co seu famoso Monte Pindo, e en días despexados pódese chegar a ver incluso o Monte de Santa Trega, situado na fronteira de Portugal, xusto na desembocadura do Río Miño.

Cabo Fisterra foi tamén, ao longo dos séculos, un imán para xente de todo o mundo, atraendo a viaxeiros de países afastados e tamén, aínda que con peor fortuna, a decenas de barcos que naufragaron nas súas augas.

Recentemente, este lugar recibiu o galardón, no cincuenta aniversario do Tratado de Roma, de “Patrimonio Europeo”. Este galardón tan só é compartido por tres lugares máis en España.

Por todo iso, pola súa historia, pola súa lenda e polo seu enorme valor, este lugar debería ser un punto de visita obrigada para todo aquel que veña a Galicia.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *