As praias de Galicia pasan dos malos fumes

Máis de 700 praias salpican a costa galega facendo da comunidade o destino ideal para os amantes do mar, a area e o goce do seu tempo de lecer ao aire libre. Moitas delas presumen, ademais, da condición de “Praias sen Fume” grazas a unha iniciativa nada no municipio de Baiona no ano 2012 e estendida a toda a comunidade pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a través do Programa Galego de Promoción dunha Vida sen Tabaco.

 

Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo lograr que os fumadores deixen de practicar este hábito nas praias promovendo así tanto as condutas saudables como o coidado do medio ambiente.

 

Desde a súa posta en marcha o programa non deixou de crecer abríndose tamén á incorporación das praias fluviais, de tal forma que un bo número municipios do interior puidéronse adherir á iniciativa.

 

Este ano son un total de 64 os Concellos que colocaron a bandeira e a sinalización de Praias sen Fume nalgúns dos seus areais. O número total de espazos libre de tabaco ascende así a 141: 51 na provincia da Coruña; 24 en Lugo, 10 en Ourense e 56 en Pontevedra. Entre as praias que se libraron dos malos fumes figuran areais emblemáticos e moi concorridos polas familias como os de Santa Cristina, en Oleiros; A Rapadoira, en Foz, e Silgar, en Sanxenxo.

 

Os responsables da campaña explican que a prohibición de fumar afecta a toda a zona da praia situada a partir da sinalización informativa, salvo aquelas zonas ao aire libre dos locais hostaleiros situados no propio areal. Trátase dunha campaña de concienciación que non prevé sancións, pero desde a Administración apelan á colaboración de todos e lembran que as praias son espazos lúdicos “para gozar da familia, da parella, da natureza, onde o fume de tabaco non ten cabida, sendo totalmente prescindible”.

 

Así que se queres saber cales son as praias que pasan dos malos fumes, tender a túa toalla na súa area e darche un mergullo no ambiente máis saudable podes consultar a listaxe completa aquí. Seguro que tes algunha preto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *