As Meninas de Canido

A ruta das Meninas de Canido, no municipio coruñés de Ferrol, converteuse desde o seu comezo en 2008 -como proxecto accidental-, nun dos novos atractivos da cidade e a súa comarca. O barrio que acolle as obras deixou atrás o halo de tristeza e abandono no que vivía, para encherse de cor grazas a Eduardo Hermida, o primeiro en reinterpretar As meninas de Velázquez e, co fin de ‘chamar a atención’ sobre o estado da zona, promover unha iniciativa que transformou non só o aspecto do barrio senón tamén o seu espírito.

Desde entón, cada ano súmanse novos artistas a esta iniciativa improvisada que reúne xa máis de 300 meninas con diferente tamaño, forma e estilo. Obras extravagantes, en moitos casos, que non só serviron para rexuvenecer un barrio que perdía habitantes senón que hoxe en día conforman a identidade de Canido. Un barrio popular á sombra do -quizais máis- ‘popular’ Ferrol que agora é reclamo para os turistas e escenario perfecto para o goce dos propios veciños.

Por outra banda, aínda que non se celebra todos os anos, as novas edicións propóñense rehabilitar as obras máis antigas mentres se seguen invadindo fachadas ou muros abandonados con obras máis modernas. No 2017 celebrouse a oitava edición na que non puideron faltar actuacións de todo tipo, un mercadiño de arte, un photowalk, concertos e moito máis.

Entre a cantidade de meninas que se reparten pola zona, destacan especialmente a interpretación contemporánea deste clásico na Rúa Ínsua, á altura do número 15, coa menina desenmascarada do artista Shfir ou, a gran fachada na Rúa Poeta Pérez Parallé coa homenaxe á infanta Margarita de Lily Brik. Iso si, o mural reservado en Rúa Muiño do Vento para o grafiteiro anónimo máis coñecido do mundo, segue esperando a pegada do artista. Banksy a que esperas?

A ruta das Meninas de Canido é unha exposición de arte rueira que se caracteriza por estar ‘viva’. En definitiva, un museo ao aire libre que crece sen parar e que podes visitar de forma gratuíta todo o ano. Por iso, se non coñeces a zona, o máis recomendable é que te guíes polo mapa que ofrece a páxina web de Turismo de Ferrol para descubrir as obras http://bit.ly/MapaMeninasCanido e unha vez alí percorras todas as rúas que se indican. Probablemente che fascine atopar obras nos recunchos máis recónditos de rúas como Rúa Alonso López ou algúns dos curiosos aparcabicis con forma de menina que se instalaron no barrio.

Prepárate para facer a ruta e non esquezas o móbil porque ademais de presumir da arte urbano tomando todas as fotos que queiras, non poderás esquecer aquelas meninas que cobran vida grazas a unha app de realidade aumentada deseñada polo ferrolán Jul Díaz (http://www.visuar.es/ ). Está claro que Ferrol ‘mola’ e Canido ten moito que ver nisto.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *