As festas galegas de interese turístico suman seis novas celebracións

As festas galegas seguen dando pasos adiante e consolidándose como celebracións de referencia pola súa tradición, a súa singularidade e o seu arraigamento. Seis delas acaban de recibir un novo recoñecemento ao ser declaradas de interese turístico, o que eleva a máis de 150 os festexos que gozan desta consideración nesta terra. A continuación contámosche cales son as seis novas incorporacións e a información básica para que poidas anotalas xa na túa axenda.

 

Romaría do Corpiño

Devotos chegados desde toda Galicia danse cita cada 24 de xuño na parroquia lalinense de Losón para participar nunha multitudinaria romaría cuxos orixes se remontan varios séculos atrás no tempo. A historia dun ermitán que vivía alí no século VIII propiciou a construción da primeira capela e que a zona fose coñecida por O  Corpiño, e as aparicións marianas que segundo a tradición tiveron lugar naquel mesmo lugar no século XII marcaron o inicio das mostras de devoción que chegaron ata hoxe en día. A procesión do 24 de xuño é o acto central da celebración, pero son moitos os fieis que acoden ao Santuario de Nosa Señora do Corpiño xa o día anterior e tamén o 25 de marzo, xornada na que se celebra o Corpiño de Inverno ou Corpiño Pequeno.

                  – Onde: O Corpiño (Losón, Lalín)

                  – Cando: 24 de xuño

                  – Máis información aquí

 

Romaría de Santa Marta de Ribarteme

A singular forma en que os devotos fan as súas promesas a Santa Marta é o que distingue á Romaría de Ribarteme doutras moitas celebracións que teñen lugar por toda Galicia. No caso desta celebración cando algunha persoa desexa recuperarse dunha grave enfermidade, lograr que o faga algún familiar ou agradecer á Virxe algunha promesa cumprida, introdúcense nun cadaleito e son levados en procesión durante a xornada da celebración. Os ofrecidos cantan durante o percorrido “ Virxe Santa Marta, Estrela do Norte, traémosche os que viron a morte” e a súa imaxe e a dos  penitentes que camiñan tras a Virxe descalzos ou de xeonllos forman unha estampa única. Antigamente mesmo os nenos participaban deste rito ancestral, pero na actualidade os cadaleitos dos pequenos ofrecidos son transportados baleiros.

                  – Onde: San Xosé de Ribarteme (As Neves)

                  – Cando: 29 de xullo

                  – Máis información aquí

 

Festa dos Fachós

Unha antiga celebración pagá é a orixe desta procesión na que o lume é o protagonista. Ao chegar a noite do día 19, os participantes acenden un facho de 30 metros de lonxitude e centenares de fachos máis pequenos, e inician un percorrido pola zona vella de localidade rodeando o castelo ata chegar ao atrio da igrexa de Nosa Señora dos Remedios. Alí depositan todos os fachos no chan para formar unha gran fogueira mentres soan as campás e antes de dar paso á parte máis lúdica da celebración, con música ata a madrugada. Son varias as hipóteses que foron formuladas ao longo dos anos para tratar de explicar este rito que ben podería comezar como un culto ao sol e que na actualidade enmárcase na celebración de San Sebastián, aínda que hai quen o relaciona tamén cunha epidemia de peste que sufriría o lugar e co costume de queimar as posesións dos afectados. 

                  – Onde: Castro Caldelas

                  – Cando: 19 de xaneiro

                  – Máis información aquí

 

Festa da Vendima

Situado na comarca do Ribeiro, o concello de Leiro garda unha estreita relación co mundo do viño por iso non resulta estraño que unha das celebracións máis importantes do seu calendario festivo teña que ver co cultivo e a recollida da uva. Cada ano, chegada a recta final do verán, a localidade converte unha actividade que veñen practicando nos seus campos desde hai séculos no eixo da súa Festa da Vendima e rende homenaxe a esta actividade e ás persoas que se entregan con ela cunha xornada monográfica. O desfile de carrozas e charangas é o momento estelar da celebración e permite ao público contemplar aos veciños representando as distintas tarefas relacionadas co traballo da vide e a elaboración do viño. 

                  – Onde: Leiro

                  – Cando: Último domingo de agosto

                  – Máis información aquí

 

Festa da Carballeira

Unha contorna natural idílica, unha aposta decidida pola música de raíz combinando artistas galegos con estrelas internacionais e un público fiel fan que a  Festa da Carballeira de Zas sexa moito que un simple festival musical. Camiño xa dos 40 anos de vida, a celebración non deixou de crecer co paso do tempo e aos concertos da noite do primeiro sábado de agosto (a cita central do programa) foi sumando unha velada previa e unha sesión vespertina de actuacións. Os mellores grupos e artistas do panorama folk nacional e internacional saben xa o que significa tocar entre os  carballos de Zas ante un público entregado. 

                  – Onde: Zas

                  – Cando: Primeiro sábado de agosto

                  – Máis información aquí

 

Festa da Tenreira Galega

O 1 de maio é moito máis que o Día do Traballo para os veciños de Láncara. É unha xornada de exaltación da mellor carne a través da celebración da Feira Anual da Tenreira Galega no recinto da Pobra de San Xiao. Este ano tocaralles gozar da vixésimo segunda edición dunha festa de referencia xa para toda a comarca e na que os concursos de gando, as exhibicións de maquinaria e artesanía, e a música serán o aderezo perfecto dunha comida na que a carne de tenreira galega volverá demostrar o porqué da celebración. 

                  – Onde: A Pobra de San Xiao (Láncara)

                  – Cando: 1 de maio 

                  – Máis información aquí

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *