Árbores centenarias bañadas polo Miño no Bosque da Fervenza

En Galicia, a cultura está especialmente asociada á auga, sobre todo se pensamos en lendas como a do Home-peixe ou os xacíos -figuras mitolóxicas metade peixe, metade home- vinculadas á zona que se atopa dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Neste territorio, presidido polo pai de todos o ríos galegos, en concreto no curso alto do Río Miño e a poucos quilómetros da capital provincial, atópase o espazo protexido do Bosque da Fervenza.

Trátase dun bosque centenario no que predominan ameneiros, carballos, freixos e salgueiros que se estenden ao longo de máis de trescentas hectáreas. Un bosque de inundación que o Miño varre de forma natural, máis dunha vez ao ano, refrescando as raíces das árbores máis veteranas e que o converten nun dos poucos que quedan na península. Poboado por animais e plantas propias deste ecosistema fluvial e con carballos que superan os 300 anos, a contorna complétase con charcas, illotes e sendas que debuxan unha paisaxe máxica que dificilmente podemos atopar noutro lugar.

Aínda que se enfrontou a diferentes situacións que fixeron perigar a súa supervivencia (inundacións, incendios, etc) a insistencia da Casa Grande da Fervenza (antiga casa do  muiñeiro e parte do Conxunto Etnográfico A Fervenza) permitiu que fose galardoado polo Ministerio de Medio Ambiente e a ONG Bosques Sin Fronteras como Bosque do Ano en 2007. Con todo, o recoñecemento serviu e serve aínda hoxe, para fomentar a conservación dun hábitat de enorme valor natural.

O Conxunto Etnográfico A Fervenza, no Corgo, é un espazo que pretende -entre outras cousas- recuperar o patrimonio hidráulico esquecido da zona, achegar os elementos que constituían a vida rural entre os séculos XVII e XIX á sociedade actual. Batuxos -pequenas embarcacións que servían para percorrer estas augas-, muíños ou maquinaria necesaria no desempeño de actividades produtivas tradicionais da zona como os zoqueiros, forman parte da patrimonio etnográfico que se pode revivir mediante visitas guiadas ao conxunto.

Desde este punto, na localidade do Corgo, é posible ademais, percorrer unha ruta a beiras do Miño grazas ao itinerario coñecido como Ruta do Bosque da Fervenza. Un paseo de escasos catro quilómetros que non supón ningún tipo de dificultade e apto para todos os públicos. Partindo da Casa rural A Fervenza poderemos gozar dunha paisaxe idílica que se estende ao longo da ribeira en algo menos de tres horas dependendo, en calquera caso, do ritmo de cada un.

Sexa cal for o camiño que decidas tomar para explorar a fondo este territorio, a desconexión e o relax están asegurados. O murmurio da auga será o único guía necesario para penetrarnos neste labirinto de árbores semiafundidas.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *