Amor, traizón e vinganza en Monforte de Lemos

Entre tantas lendas e historias que forman parte do imaxinario galego, algunhas ben poderían protagonizar a trama dunha serie de ficción. Con base histórica ou non, moitas delas calan tan fondo entre os veciños que acaban formando parte da identidade dun municipio. Como ocorre con Monforte de Lemos, en Lugo, que non só presume de patrimonio arquitectónico e cultural senón tamén dunha das historias de amor, traizón e vinganza máis apaixonantes da tradición popular galega, a lenda da coroa de lume.

É conveniente coñecer a orixe da cidade para entender algunhas partes deste relato. Monforte de Lemos ten a súa orixe no monte de San Vicente. Alí atópase o conxunto monumental de San Vicente do Pino que acolle: o antigo mosteiro benedictino, o Pazo Condal de Monforte de Lemos e a maxestosa torre da Homenaxe -o principal elemento da fortaleza que coroa a cidade desde fai máis de setecentos anos-. De feito, este é o escenario da lenda, na que, aínda que existan diferentes versións, os protagonistas coinciden na maioría das interpretacións. Sendo o abade Don Diego García III, o VII Conde de Lemos e a súa filla, os intérpretes deste conto popular.

Conta a lenda que o Pazo Condal de Monforte e o Mosteiro de San Vicente do Pino estaban comunicados mediante un pasadizo subterráneo. Pasadizo que aproveitaba o clérigo durante as viaxes do conde Don Pedro Fernández de Castro para acceder ao palacio e cortexar á súa fermosa filla. A relación amorosa trúncase cando, á volta dunha das súas saídas da cidade, o Conde de Lemos descobre a traizón. Tras o ocorrido, decide manter a calma e urdir unha cruel vinganza. Aínda enfurecido, cita ao abade nunha gran comida e, á hora da sobremesa, manda traer unha coroa quentada ao lume coa que realiza a coroación causándolle a morte inmediata.

Hoxe en día, lémbrase ao VII Conde de Lemos por ser un dos fundadores da actual cidade, dedicado ao goberno e administración dos estados de Monforte, e por estar concienciado co patrimonio cultural da época. Pola súa banda, o sepulcro granítico do abade Don Diego García na igrexa de San Vicente, está directamente relacionado coa orixe da lenda a pesar de non coñecerse máis datos da súa vida, ao perderse os arquivos do mosteiro nun espectacular incendio.

Tan enigmática resulta a lenda, que foron varias as obras literarias que se fixeron eco desta fábula. Un dos títulos máis recoñecidos é ‘La corona de fuego o el secreto de una tumba’ do escritor coruñés Manuel Amor Meilán. Un libro que data do ano 1893 e que rexurdiu do esquecemento grazas a unha nova edición do ano 2017. O caso é que, sexa certa ou non a historia, probablemente ningún dos protagonistas esperase semellante balbordo ao redor das súas vidas, centos de anos despois do -supostamente- ocorrido.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *