Alvarizas, as protagonistas das ladeiras do Courel

Como xa é sabido, Galicia conta cunha forte tradición apícola e boa mostra diso son as súas  alvarizas. Unha especie de muros, dispostos xeralmente en forma circular, onde se refuxian un conxunto de colmeas. Este tipo de construcións -aínda que se poden atopar en distintos puntos do territorio galego- son un referente etnográfico nas montañas da serra do Courel, en Lugo. Por iso, tanto a súa concepción arquitectónica como a riqueza da contorna que as rodea son o caldo de cultivo para un mel de calidade superior.

A serra do Courel conta cunhas características únicas. En primeiro lugar pola súa orografía, especial polas súas vertixinosas ladeiras coroadas -nalgúns casos- por cumes entre as que está a de Formigueiros con 1.639 metros de altitude e en segundo lugar, por un clima no que predominan os cambios drásticos de temperatura entre verán e inverno. Todo isto propicia que falemos dunha contorna de gran valor natural, que ademais de contar cunha enorme variedade de flora e fauna, tivo que adaptar a súa arquitectura popular a unha serie de particularidades diferentes ás do resto do territorio galego. Pequenas pontes de madeira ou pedra para cruzar ríos (as pontellas) ou as típicas construcións que servían para secar a leña e as castañas (sequeiros), súmanse aos encantos propios desta paraxe viva e agreste do sueste da provincia de Lugo.

Pola súa banda, as  alvarizas, levantáronse con materiais propios da contorna, especialmente lousas e rochas de estrutura laminar -frecuentes tamén na construción de casas-. Uns compoñentes que se caracterizan polo predominio de minerais laminares que favorecen a súa fragmentación en lascas e que axilizaban, en consecuencia, a tarefa de construción para os apicultores da época. Aínda que a forma pode variar entre circulares e ovaladas, o resto de características son comúns entre elas: muros dunha altura aproximada de dous metros, unha porta de acceso de madeira e unhas dimensións próximas aos cinco ou seis metros de diámetro para as redondas e doce por seis metros para as de forma oval. Visto isto, é lóxico pensar que reducir a altura dos muros facilitaría o acceso do propietarios pero, precisamente isto, impide os estragos que poidan ocasionar animais salvaxes, como o oso ou outros.

Unha das particularidades que máis sorprenden deste tipo de recinto, é a súa disposición en terreos escarpados, de difícil acceso e afastadas da poboación. O feito de atoparse afastadas de casas ou calquera núcleo urbano evita -tanto para propietarios como para veciños- os problemas derivados das colmeas e facilita o acceso das abellas a unha maior variedade de materia prima. Por outra banda, o grao de inclinación que adquiren estes espazos está pensado para aproveitar ao máximo as horas de sol, xa que o frío é un dos principais inimigos das colmeas.

E aínda que, hoxe en día, xa non se vexan instalacións modernas rodeadas dunha fortaleza ou algún tipo de sistema defensivo, os apicultores seguen establecendo a tarefa produtiva das súas abellas nos mesmos lugares. Sen dúbida, a principal xustificación que existe ao redor da localización das alvarizas é a procura de espazos asollados nun territorio que rexistra temperaturas especialmente baixas.

Unha importante mostra destas tradicionais explotacións pódense ver no camiño entre Domiz e Loureiro, no municipio lugués da Pobra do Brollón. Que en mellor ou peor estado, de maior ou menor tamaño e en funcionamento ou non, se atopan rodeadas dunha gran capa vexetal de árbores e flora autóctona que ofrecen unha panorámica inigualable do lugar.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *