Alí onde nace o Miño: Pedregal de Irimia

¿Quen díxo, craro río Miño

que naces en Fumiñá

se xunt-a Monterredondo,

xa pasas feito un rapaz?

E sei, tamén, que tés

o teu bercio máis atrás,

aló na Serra de Meira,

d-Irima no Pedregal.

Por eso, porqu-és meirego.

por eso te quero máis.

(¡ Quizabes tuas augas levan

as bágoas de miña nai!)

RÍO MIÑO. AVELINO DÍAZ (1870-1961)

Así reza a placa que atopamos ao chegar a Pedregal de Irimia. Este poema ao Río Miño, de Avelino Díaz, reflicte a polémica que durante moito tempo existiu entre os concellos de Meira e da Pastoriza sobre se o nacemento do Río Miño se atopaba na lagoa de Fonmiñá, como así se cría, ou un pouco máis arriba, no Pedregal de Irimia. Hoxe en día considérase que o nacemento do principal río galego atópase baixo as pedras do Pedregal de Irimia, aínda que desde aí discorre de forma subterránea ata reaparecer, xunto a outras fontes, na lagoa de Fonmiñá.

Fonmiñá é un manancial de augas profundas que, como comentabamos, xorden máis abaixo do nacemento do Río Miño. Na súa superficie pódense ver centos de burbullas que representan a saída de augas subterráneas. Xunta á lagoa acondicionouse unha área recreativa desde a que se pode tomar unha sinxela ruta que acompaña os primeiros quilómetros do río.

Pero se queremos ver o verdadeiro nacemento do noso principal río debemos ir ata Pedregal de Irimia, unha curiosa paraxe de grandes pedras ao redor do cal existen numerosas lendas. Algunhas, atribúen a presenza de tantas pedras á bela meiga Irimia, que as guindou para evitar que os monxes, que a querían desaloxar do lugar por non pagar a contribución, puidesen beber das fontes que alí xurdían (ou para defenderse deles segundo outras versións). Outras atribúenlla ao mesmo demo, que tiña envexa dos monxes que alí habitaban e que, nunha noite de treboada, acompañado dos seus secuaces, presentouse alí para tirarlles pedras e destruír o belo lugar, pero, ante os rezos dos monxes, tiveron que retirarse deixando as pedras atrás. No coro do mosteiro de Meira hai unha cadeira na que se ilustra esta lenda.

Máis aló de lendas e devanditos, a orixe do Pedregal atópase nunha “morrena” de orixe glaciar. As pedras foron arrastradas e depositadas de forma natural fai miles de anos por linguas de xeo. Este río de pedras descende ao longo de 700 metros pola ladeira da serra, formando un escenario único e espectacular.

Baixo as pedras xorde un manancial que non se ve pero pode oírse o seu murmurio e que hoxe sabemos que é a orixe do río Miño.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *