Aldara, a muller cerva e o Castelo de Doiras

Aínda que o oso pardo é un dos símbolos máis recoñecidos da serra dos Ancares, o certo é que este espazo de enorme valor ambiental tamén garda unha interesante historia cunha fermosa cerva branca como protagonista. No municipio de Cervantes, na provincia de Lugo, atópase un dos símbolos da zona e escenario de tal lenda, o Castelo de Doiras. Case coma se dun conto se tratase, esta antiga fortaleza medieval declarada Ben de Interese Comunitario, emerxe entre o bosque que a rodea e ofrece unha instantánea máxica para os seus visitantes.

A pesar de atoparse en estado de abandono, aínda hoxe conserva a súa beleza intacta. Un castelo, en pleno corazón dos Ancares, que se levanta sobre unha zona rochosa a uns 750 metros de altitude e que está custodiado polas ladeiras das montañas da serra. En canto á súa construción -que se estima no século XV-, trátase dunha obra de planta rectangular con muros de dous metros de grosor -aproximadamente- que varían en altura debido aos desniveis do terreo. Ademais, e aínda que xa de seu é un edificio impoñente, o forte conta con dúas torres; unha circular e outra, a Torre da Homenaxe, que alcanza practicamente os quince metros de altura. Sen dúbida, un legado arquitectónico que esperta a atención e o recordo da lenda da doncela cerva, historia que deu a coñecer Manuel Amor Meilán no volume de Lugo de ‘Geografía general del reino de Galicia’.

Pois ben, conta a lenda que, hai moitos anos, un cabaleiro coñecido como Froiaz e os seus dous fillos,  Egas e Aldara, vivían no Castelo de Doiras e que un día, tras anunciarse o compromiso e matrimonio entre Aldara e o fillo doutro señor feudal,  Aldara desaparece. En canto se decatan da súa ausencia, tanto o seu pai como o seu irmán búscana sen descanso por cada recuncho do castelo ata que, un besteiro afirma vela dirixíndose cara a un regato próximo. Nese momento pai, irmán, a xente do propio castelo e o prometido da moza, emprenden unha exhaustiva procura polos montes do lugar. Pasan as horas e os días e  Aldara non aparece. Desanimados e sen resultados, despois de tantos días tras a súa pista, dan por suposto a perda da filla do señor. E é que, era moi probable que as noites no bosque fosen demasiado duras para unha moza fidalga.

Pero, anos máis tarde, Egas ve pasar unha fermosa cerva branca mentres se atopaba de caza no alto do monte. Sen pensalo demasiado, cun único disparo consegue terminar coa vida do animal. Marabillado pola fermosura da súa pelame, o mozo non pensara en como transportar semellante peso ata o castelo sen a axuda de ninguén e decide volver en busca de reforzos. Iso si, antes de regresar decide cortarlle unha das patas dianteiras para gardar unha especie de trofeo que lle dese credibilidade á súa fazaña.

A sorpresa foi que, no momento no que Egas lle ensina ao seu pai a pata da cerva, atópanse cunha man de pel branca, fina e co anel da familia. Desgustados, pai e fillo lembraron que aquel anel pertencía a Aldara e saen cara ao lugar onde Egas dera caza á cerva. Alí mesmo atoparon o corpo sen vida de Aldara, cun vestido branco e unha gran mancha de sangue sobre o corazón.

O empeño de pai e fillo por buscar algún tipo de explicación foi en balde. Pois contan que unha fada a converteu en cerva e a morte encargouse de devolvela ao seu estado natural, aínda que nunca se chegou a coñecer a causa que motivou este feitizo.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *