Aire puro nas pasarelas e o canón do Río Mao

Na localidade de Parada de Sil, na provincia de Ourense, hai moitos sitios por ver que probablemente a maioría descoñeza. Trátase dunha localidade con grandes atractivos ocultos entre as ladeiras do val do Río Mao. Xunto ao caudal, pódense atopar desde unha necrópole, unha antiga central eléctrica ata unha espectacular pasarela de madeira que conduce aos sendeiristas por medio dunha natureza asombrosa.

Aínda que en Galicia existen diferentes lugares que permiten a desconexión, o certo é que a oferta de rutas de sendeirismo é unha das nosas mellores cartas de presentación. Falamos neste punto, dun percorrido circular que transcorre polo relevo abrupto do canón que escava o Río Mao antes de desembocar no Sil.

O itinerario comeza concretamente na Fábrica da Luz, unha antiga central hidroeléctrica que data do ano 1914, hoxe reconvertida en albergue turístico. Preto deste punto, bordeando as instalacións, atópase o inicio da pasarela que discorre sobre o canón. Unha senda que  serpea sobre o val durante un quilómetro combinando ramplas, escaleiras, diferentes carteis informativos e por suposto, un miradoiro para o goce das vistas.

Xa sen pasarela e no punto no que se funden o Mao e o Sil, o trazado permítenos seguir ata a aldea de Barxacova. Unha pequena poboación con moito encanto que mesmo conta cunha praia fluvial que se forma a partir das augas retidas polo encoro de San Estevo. E que, aínda que o clima non acompañe ao baño, merece a pena visitar. Con todo, o traxecto non termina aquí pois pódese seguir ata a Necrópole de San Vítor, preto de San Lourenzo de  Barxacova.

Trátase dunha superficie que acolle un conxunto arqueolóxico formado polos restos dunha capela e unha necrópole con tumbas escavadas en pedra. Tras o descubrimento e as posteriores escavacións no lugar, fóronse descubrindo máis tumbas e mesmo, restos óseos que poderían datar dos séculos X e XI. Atopáronse tamén moedas do tempo de Sancho IV,  Enrique II, Alfonso V de Portugal e mesmo, unha tégula romana. Se de algo non hai dúbida, é que o legado que nos topamos na ruta é incrible.

Claro que se prefires unha ruta máis relaxada tamén existen outras máis curtas. Por exemplo,  a de Forcas – San Lourenzo de Barxacova, moito máis curta en lonxitude e que discorre igualmente por carreiros con incribles vistas ao desfiladeiro. Un percorrido apto para grandes e pequenos, que probablemente sexa a mellor opción se se quere pasar un bo intre en familia.

O certo é que pouco importa o traxecto que tomes se o que realmente che interesa é coñecer a maxia desta zona, gozar da paisaxe e por suposto, dun ambiente cheo de paz e tranquilidade que só che pode ofrecer o son da auga do Río Mao.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *