A Praia das Catedrais

A Praia das Catedrais
A Praia das Catedrais

Situación – No concello de Ribadeo, na Mariña Oriental luguesa. O LIC esténdese entre os concellos de Barreiros e Ribadeo.

Superficie – Monumento Natural: 28,94 ha, das cales 20 ha son augas mariñas. LIC: 304,36 ha.

Acceso – Pola estrada N-634 (A Coruña-Santander), desvíos cara á costa no tramo entre San Miguel de Reinante e Rinlo. Pistas locais paralelas á costa.

Servizos – Aloxamento e comida nas poboación próximas e ao pé da estrada.

Equipamentos – Paneis informativos.

Outros espazos naturais relacionados / Próximos – LIC “Ría de Foz-Masma” LIC “Río Eo” 

O chanzo que forma a denominada rasa cantábrica acada aquí categoría de monumento xeolóxico. O mar esculpiu nos cantís todo un repertorio arquitectónico de arcos, columnas e bóvedas que levaron a bautizar turisticamente o espazo entre os areais de Augasantas e Carricelas como praia das Catedrais.

O acceso resulta doado. Conta ademais cun paseo acondicionado polo bordo superior e paneis informativos. Emporiso, deixar a nosa pegada na area só é posible durante o devalo das mareas. Camiñarmos pola superficie libre da baixamar e internarnos nas furnas co permiso momentáneo do mar incrementa a sensación de aventura. As Catedrais atesouran nos últimos anos milleiros de fotografías, todas coa emoción dun momento irrepetible. Cada imaxe é única.

Cada visita é diferente. O mar sempre borra as pegadas anteriores, pero permanece a sucesión de arcos monumentais. Ademais o espazo protexido dentro da Rede Natura 2000 abrangue un treito costeiro duns quince quilómetros de longo nos que podemos atopar outros fermosos areais como o dos Castros e o pintoresco porto de Rinlo.


View Larger Map

 

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *