A “pequena Venecia” de Mondoñedo

Mondoñedo é unha histórica pequena cidade situada na comarca da Mariña Central, na provincia de Lugo. En Mondoñedo podemos visitar á súa catedral, é cidade natal de Álvaro Cunqueiro e un punto importante do Camiño do Norte.

A Catedral mindoniense é o centro da cidade, e nas súas proximidades atópanse outros edificios antigos que conforman o casco vello. Un pouco alonxado dese centro histórico, case nas aforas da cidade, está emprazado o Barrio dos Muíños. Este interesante enclave, coñecido popularmente como “A pequena Venecia” está atravesado por moitos canles que traen auga do río Valiñadares para alimentar aos moitos muíños que lle dan nome.

Os Muíños foi historicamente un barrio artesán, habitado por panadeiros, ferreiros, oleiros, carpinteiros e outros profesionais, que se encargaban de producir o necesario para manter á urbe. Para iso, como dixemos antes, servíanse dunhas fermosas canles que facían funcionar aos dez ou doce muíños do barrio (dos cales só hai un que continúa en uso). Estes canles deron lugar a unha curiosa paisaxe urbana, inzada de pontes (pequenas, de lousa e máis grandes, de pedra). Entre elas, atópase unha que ten moita historia: a Ponte do Pasatempo. De estilo romano, recibiu o seu  nome por ser o lugar no que os cóengos entretiveron á muller do Mariscal Pardo de Cela, que levaba o indulto para o seu marido. Mentres ela falaba cos cregos, Pero Pardo de Cela (o último dos nobres galegos que se opuxeron aos Reis Católicos), era axusticiado na Praza da Catedral.

Outros lugares de interese dentro do Barrio dos Muíños son a Capela de Santiago, edificada a mediados do século XVIII, a Capela de San Roque, do século XV (aínda que reformada no século XVIII) e a Fonte dos Pelamios (de auga potable e fresca todo o ano), xunto á que se atopa a estatua do poeta e periodista mindoniense Díaz Jácome.

Sobre todo a partir da segunda metade do século XX, o barrio, ao igual que o conxunto da cidade, foi perdendo poboación; os muíños quedaron abandonados, e os artesáns ou marcharon ou foron finando. Pero este panorama está hoxe en día a mudar: grazas ao concello, nos últimos anos varios artesáns de diferentes partes da Galicia viñeron a se asentar aquí. Mondoñedo busca converterse nun dos centros do sector da artesanía en Galicia. Así, hoxe en día, podemos atopar nos Muíños un taller de monicreques, un taller de serigrafía, unha oleira, un canteiro, e algúns profesionais máis. Ademais, no barrio ten lugar a Feiramostra Os Muíños, que conta con máis de trinta postos de artesáns que veñen de toda a comarca.

O barrio mindoniense recupera así a súa esencia fabril, converténdose nun interesante lugar que ver ao teu paso pola augusta cidade de Mondoñedo.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *