A luz que ilumina as ruínas do Castelo da Lúa de Rianxo

‘Ondiñas veñen ondiñas veñen

ondiñas veñen e van

non te vaias rianxeira

que te vas  marear.‘

O estraño sería non lembrar esta canción popular se falamos de Rianxo. Un pequeno pobo costeiro da provincia da Coruña que, entre outras cousas, foi o berce de autores de grande relevancia para a literatura galega. Manuel Antonio, Rafael Dieste e, sobre todo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, son os nomes que sitúan no mapa a esta localidade. Por suposto, isto non é o único destacable, xa que Rianxo conta cun enorme patrimonio histórico como o casco (ou cunco) de ouro que se pode atopar no Museo Arqueolóxico Provincial ou as ruínas dun antigo castelo -posiblemente- construído por Paio Gómez  Charino no século XIII que conserva, aínda hoxe, a maxia dunha historia de amor truncada polos cabaleiros templarios.

Aínda que non se conta con demasiada información sobre esta fortaleza, coñécese que pertenceu á Orde do Temple para despois pasar á Mitra Compostelá. Desde entón, entre derribas e reconstrucións, o coñecido como Castelo da Lúa permanece en estado de ruína desde aproximadamente 1.532. E a pesar de que algúns dos materiais que compoñían o forte se reutilizaron na construción da Igrexa de Santa Comba de Rianxo, na actualidade pouco rastro queda desta estrutura defensiva.

Cando o castelo pertencía á Orde do Temple, entre unha das tantas pelexas e enfrontamentos co antigo señor feudal propietario, os cabaleiros conseguen secuestrar á súa filla. A casualidade quixo que nese momento tamén se atopase retido un dos cabaleiros a disposición do antigo señor feudal. Encarcerárono despois de defender a honra do señor e da rapariga, da que estaba profundamente namorado.

Ao longo do encarceramento, segundo a lenda, a moza dedicaba todo o seu tempo a coidar ao malferido cabaleiro, espertando así a compaixón do templario encargado de vixiar a súa estancia na fortaleza. Ata que finalmente unha noite,  coa axuda do ‘garda’, os namorados conseguen escapar polos pasadizos que conducían ata a praia, onde lles esperaba un bote.

No intento de  fuxida, os militares templarios daban a voz de alarma e, mentres o cabaleiro procuraba protexer co corpo o da súa amada, comezaban a disparar as frechas impactando de cheo contra o peito do mozo, que falecía no acto. Ao día seguinte, os corpos dos dous rapaces apareceron abrazados na beira, tras envorcar a súa embarcación. Desde entón todas as noites, os raios de luz da lúa, iluminan e velan pola sepultura dos namorados alí enterrados polos templarios.

Hoxe en día, lembrar e recrear a historia é sinxelo. Na nosa visita a Rianxo, podemos empezar por percorrer o areal da praia da Torre, chegar ata o Parque da praia da Torre e botar unha ollada á escultura en honra a Xosé María Brea Segade e finalmente, cruzar o río Te grazas á pasarela de madeira que nos achega ata as ruínas do castelo.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *