A Galicia descoñecida, Val de Lóuzara.

Poder pasear con calma entre árbores, ríos e regatos sen escoitar o son de coches ou o murmurio dunha multitude de turistas é un desexo de moitos apaixonados da natureza. No  Val de Lóuzara, no municipio de Samos (Lugo), é posible desconectar do bulicio e poñerse en contacto cunha das paraxes naturais máis descoñecidos de Galicia. Ademais de estar catalogado pola súa riqueza natural como Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000, o val ofrece tamén unha ampla selección de rutas de sendeirismo e de puntos de interese que apenas son coñecidos polo gran público.

San Xoán, Gundriz, San Cristovo e Santalla son as catro parroquias que acollen este val. Unha contorna que conta cunha ruta poética e escultórica en honra ao poeta Fiz Vergara Vilariño (1953-1997). Este particular itinerario, de escasos dez quilómetros, non ten nada que ver cunha ruta de sendeirismo ao uso. Trátase dun proxecto, impulsado polos seus amigos (moitos deles dentro da Asociación Cultural Ergueito), en homenaxe ao poeta que permite coñecer en profundidade as terras que cargaban de inspiración ao autor. O roteiro, que se divide en trece etapas, acolle unha obra de arte por etapa, ilustrada coas palabras do escritor.

No traxecto, que percorre todos os puntos que están relacionados coa vida do poeta, atópanse orixinais creacións artísticas de Primitivo Lareu, Álvaro de la Vega, Violeta  Bernardo e Paco Pestana, entre outros. Algunhas delas dispostas en lugares complicados como ’‘O Home en tránsito’, unha escultura de metal dun home cruzando un río sobre un cable suspendido sobre a corrente do río. Iso si, todas, están perfectamente integradas na exuberante contorna do Val de Lóuzara.

As palabras do autor sobre a súa terra natal son só un exemplo do enorme valor paisaxístico da zona. Un dos principais atractivos do val é o lugar coñecido como a  Fervenza de Augadalte, unha fervenza rodeada de castiñeiros onde se precipita un regato desde -aproximadamente- unha altura de 30 metros. Este nace na coñecida como Fonte  do Barro e discorre por un camiño moi curto ata a súa caída, onde se forma unha pequena poza de auga que suma aínda máis encanto ao lugar. Un dos mellores momentos para visitar o val é entre o verán e o outono, xa que canta máis auga leva o arroio máis espectacular resulta a fervenza.

Nos arredores deste salto de auga, aínda que agora atópanse abandonadas, chaman a atención as construcións tradicionais que servían para almacenar herba. Un escenario case bucólico con pontes, prados e bosques autóctonos que ademais resulta ser unha das poucas zonas da comunidade galega onde se atopan grutas de roca calcaria. Unhas covas subterráneas que se forman pola auga que se filtra no subsolo, que nos permiten coñecer información  valiosísima de fai millóns de anos. Cova Grande, na localidade de Santalla de Arriba, é unha das grutas máis relevantes deste val. Trátase dun conxunto de pedras labradas pola auga que destaca -entre outras cousas- pola cor da roca, por acoller numerosas estalactitas e por abrirse camiño en diferentes espazos de tamaño moi reducido.

Tanto se segues a ruta homenaxe coma se non, o Val de Lóuzara é un lugar máxico que che permite coñecer unha Galicia en estado puro. As montañas, a vexetación e a arquitectura da zona atrapan a cada visitante nun contexto natural que o propio Fiz Vergara retratou no seu poemario.

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *