A Galicia das illas

En Galicia temos case 1.500 km de costa protexidos por illas e illotes. Hoxe levámoste a coñecer as que integran o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, o primeiro e único espazo con esta categoría na comunidade galega e o segundo do territorio nacional. Os seus ecosistemas propios da costa e os fondos mariños atlánticos foron a principal razón de que en 2002 estas illas fosen declaradas Parque Nacional.

Cortegada, Sálvora, Ons , Cíes e o espazo marítimo que as rodea, entran dentro deste espazo protexido. 

 

CÍES 

Os romanos coñecíana como a illa dos deuses, e a verdade é que aquí se agochan verdadeiros tesouros da natureza. Atopámonos con paisaxes de cantís escarpados, e fondos mariños protexidos de riqueza excepcional, onde habitan especies únicas e onde ademais se atopa unha das mellores praias do mundo, a de Rodas. 

Augas cristalinas e area fina rodean a parte máis suave do arquipélago. Pero sen dúbida hai moito máis que ver aquí. O roteiro do Faro é o máis coñecido, ofrecéndoche algunhas das vistas máis espectaculares da ría de Vigo. 

Esta illa, que permite un máximo de 1.600-1.800 visitas diarias, ofrece zona de acampada para quen queira gozar deste paraíso máis dun día. 

Para poder coñecer Cíes necesitarás un permiso da Xunta e reservar, no caso de que decidas acampar, a túa estancia no cámping aquí.

Máis información sobre esta illa, aquí.

  

ONS 

Presidindo a entrada á ría de Pontevedra atopámonos coa irmá máis coñecida das Cíes, a Illa de Ons. 

Se che gusta camiñar, recomendámosche que probes un par de camiños de sendeirismo nas que descubrirás os segredos mellor gardados desta insua. O Roteiro do Sur levarache a coñecer a Laxe dos Cregos, un sarcófrago antropomorfo medieval cheo de lendas, pero tamén ascenderás ata o miradoiro de Fedorentos, desde onde atoparás unha panorámica incrible da illa da Onza, as Illas Cíes, a Costa da Vela e a ría de Aldán. E seguindo o camiño chegarás ata o famoso Buraco do Inferno, unha formación xeolóxica de 45 metros de desnivel que foi creando o mar tras anos de azoutes. Non poderás deixar de visitar o seu faro, pero tampouco as súas praias: Melide, Canexol, Pereiró, Dornas… 

O número máximo de visitas permitido ao día aquí é de 1.200-1.300 persoas, e para acceder á illa deberás solicitar un permiso á Xunta. E como tamén conta con zona de acampada terás a oportunidade de reservar aquí.

Atoparás máis información sobre Ons aquí.

 

SÁLVORA

Quizais é a menos coñecida de todas as illas que conforman o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, pero non por iso menos importante. Sálvora pode presumir de flora, fauna, patrimonio histórico e lendas. Situada na entrada da Ría de Arousa, presenta unha paisaxe suave onde predominan as praias e zonas dunares e os bolos/birlos, pequenos bloques graníticos que poderás ver por toda a illa. 

En 1770 construíuse a primeira fábrica de Secado e Salgadura de Peixe de Galicia, que sería coñecida como “O Almacén”. E do traballo na fábrica naceu a aldea, que chegou a ter uns 70 habitantes instalados de maneira permanente na illa. Actualmente hai un roteiro establecido que leva ata o núcleo de casas pero só pódese realizar acompañados dun guía autorizado. 

A cota máxima de visitantes diarios rolda as 200 persoas. 

Máis información aquí

 

CORTEGADA 

Cando hai marea baixa case se pode chegar a pé. Situada a uns 600 metros da costa de Carril, atópase Cortegada, coñecida como o bosque flotante pola gran vexetación que alberga. E é que aquí nos podemos atopar cunha rareza botánica que é visitada por expertos de todo o mundo, un parque de loureiros. 

Pero hai moitas máis cousas que ver, como a ermida da Virxe dos Milagros, de 1652. Contan que atraía a moitos peregrinos polas súas bondades curativas. Desde este punto parten os 2 roteiros circulares nos que poderás coñecer todos os tesouros naturais que agocha a illa. 

A cota máxima de visitantes diarios é de 250 persoas. 

Máis información aquí

 

COMO VISITAR AS ILLAS

Para poder visitar calquera das 4 illas terás que acceder en embarcación privada, solicitando un permiso de navegación e posteriormente o de fondeo. No caso de Cortegada e Sálvora faino con antelación debido a que só se permíte un máximo de 15-20 ancoraxes diarias. 

A outra alternativa para poder visitar calquera dos arquipélagos é poñerte en contacto coas navieiras que organizan visitas guiadas.  

Ademais, entre as actividades que poderás realizar nas 4 illas atópase o mergullo, que tamén necesita un permiso especial.

 

E se quedaches con ganas de saber máis sobre o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, atoparás toda a información aquí.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *