A auga, un prezado recurso convertido en atractivo turístico

Cada 22 de marzo celébrase o Día Mundial da Auga, unha conmemoración impulsada pola ONU que ten como obxectivo principal poñer de relevo a importancia dun recurso tan importante como ameazado polas necesidades crecentes de abastecemento. En Galicia sabemos ben da súa importancia porque modela as nosas paisaxes e as nosas vidas. A auga doce ocupa numerosos espazos do noso territorio enchéndoos de vida e converténdoos tamén en lugares onde gozar do lecer, o deporte e a natureza.

 

Paisaxes á beira dos ríos

Centos de ríos cruzan Galicia deixando ao seu paso multitude de espazos de gran beleza natural. Os leitos do Miño e o Sil atópanse entre viñedos e ladeiras de vértixe baixoa vixilancia atenta de mosteiros na Ribeira Sacra; o Eume alimenta e dá nome a un dos parques naturais máis espectaculares de Galicia; o Ulla introdúcenos nunha paisaxe de pontes colgantes e cotos de pesca centenarios; o Tambre déixase superar por viadutos seculares repletos de historia; o Eo baña bosques antes de converterse na fronteira natural entre Galicia e Asturias; o Navea alimenta fragas e soutos en terras de Ourense… Estes son só unha pequena mostra da enorme riqueza de paraxes que se poden atopar achegándose ata as beiras dos nosos ríos.

 

Fervenzas espectaculares

Galicia presume de albergar unha das fervenzas máis singulares de Europa. É a que forma o río Xallas en terras do municipio coruñés de Dumbría para verter as súas augas ao mar, feito excepcional no continente e que converte a Fervenza do Ézaro na máis famosa de Galicia e, seguramente, a máis visitada. Pero a listaxe de fervenzas dignas de ser contempladas é extensa. As fervenza do Río Toxa (Silleda),  Vilagocende (A Fonsagrada), Belelle (Neda), O Cachón (A Teixeira), As Hortas (Arzúa), A Barosa (Barro), Augacaída (Pantón), A Censa (A Pobra de Trives) ou Escouridal (Alfoz) son outros lugares que atraen a atención polas súas dimensións e pola beleza natural do lugar no que se atopan. Moitas delas son o principal atractivo de rutas de sendeirismo sinalizadas que premiarán a quen as percorra con espectaculares imaxes.

 

Encoros para o lecer

Proxectados como infraestruturas destinadas á xeración de enerxía eléctrica, a xestión do abastecemento de auga e a regulación do caudal dos ríos, moitos dos encoros galegos convertéronse tamén en espazos para o lecer e o deporte. Algúns dispoñen de praias nas súas beiras con todos os servizos necesarios para gozar do sol e o baño coma se estivésemos xunto ao mar e noutros casos foron dotados de instalacións destinadas á práctica de deportes náuticos como o remo, a vela ou o pádel surf. Por iso cada vez son máis as persoas que gozan destas praias do interior. Castrelo de Miño, Prada (A Veiga), Vilasouto (O Incio), As Cunchas (Bande e Muíños), Salas (Muíños), San Martiño (A Rúa e Petín) e Pontillón de Castro (Pontevedra) son algúns destes encoros cuxas beiras son sinónimo de diversión.

 

Saúde e relax nos Balnearios

Os  castrexos e os romanos xa coñecían e gozaron as propiedades das augas termais que manan en moitos puntos de Galicia, por iso non resulta estraño que dous milenios despois a comunidade sexa un referente neste ámbito. Numerosos establecementos integran unha ampla oferta de tratamentos mineromedicinais combinada, en moitos deles, con programas de relax e benestar. Os balnearios repártense polas catro provincias galegas e na maioría dos casos están ligados a hoteis para ofrecer así unha experiencia máis completa. Ademais, en varios municipios, como é o caso de Ourense, existe tamén a posibilidade de bañarse en piscinas de augas termais ao aire libre nas que o aspecto do lecer é aínda máis importante.

 

Humidais e lagoas cheas de vida

A diversidade de flora e fauna que atesouran converten as lagoas e humidais de Galicia en auténticos tesouros e en lugar de visita obrigada para quen quere gozar da natureza. Moitos destes espazos albergan importantes colonias de aves que na época das migracións invernais ven incrementadas con especies chegadas doutros puntos do planeta. A observación de aves convértese así nun dos grandes atractivos de paraxes como as lagoas de Cospeito ou Caque, na Terra Chá (provincia de Lugo), ou a de Antela, na Limia (Ourense). A auga doce é tamén unha importante fonte de vida e biodiversidade nas lagoas de Vixán (Corrubedo-Ribeira) e Traba (Laxe), e na desembocadura do río Anllóns (Ponteceso e Cabana de Bergantiños).

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *