5 plans para facer na primavera en Galicia

A estas alturas do ano, moitos estabamos desexando recibir cos brazos abertos á tan ansiada primavera. Especialmente porque a natureza non deixa de sorprendernos cos cambios estacionais. Neste caso, imos propoñer cinco plans para facer na primavera en Galicia aos que non poderás resistirte.

Durmir nunha auténtica palloza da Serra dos Ancares

A Serra dos Ancares, sen desmerecer a beleza de calquera outro punto da xeografía galega, é un dos lugares que máis sorprende pola seu engado natural. Para coñecela, debes saber que se atopa no leste da provincia de Lugo e que se estende ao longo de máis de 50.000 hectáreas. Que barbaridade!

Na primavera o murmurio dos regatos será unha constante. Co desxeo, as augas flúen desde os seus cumes ata as zonas máis baixas, creando pequenos ríos e fervenzas que che parecerán unha marabilla. Pero non podemos falar dos Ancares sen nomear as súas coñecidas ‘pallozas’, mostra vivente da arquitectura tradicional da zona. Hoxe en día é posible, mesmo, vivir a experiencia dos antigos aldeáns e durmir nunha auténtica palloza, pero coas comodidades da vida moderna. Anímaste?

Sobrevoar a costa de Cariño

Cariño é unha localidade da provincia da Coruña que sorprende a calquera pola contorna que a rodea. Os cariñeses e cariñesas presumen de praias salvaxes como a de Besteira ou a de Fornos e, algúns dos cantís máis espectaculares da costa galega. Quizais sexa hora de comprobalo, non crees?

Unha forma diferente de facelo, é sobrevoando o litoral deste municipio grazas ás ás dun parapente. Podes contactar con empresas que o organizan e simplemente deixarte levar mentres contemplas como terra e mar se fusionan.

Excursión á Ribeira Sacra

Outra opción preséntasenos na Ribeira Sacra, cunha excursión onde -entre outras cousas- poderemos ver como o Río Sil moldea a paisaxe e a prepara para acoller os viñedos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, visitar o Mosteiro de San Pedro de Rocas ou coñecer unha das adegas da zona. Se este é o teu plan perfecto de primavera, podes coñecer todos os detalles na seguinte ligazón: http://bit.ly/ExRibSacra-GL

Descubrir a Illa de Sálvora

“Amada dos vellos dioses,

mortos e esquecidos xa,

que Sálvora lle chamaron

afeitos nela a topar

repouso e tranquío”

Fragmento de “A espada  Escalibor”, Na noite estrelecida (Ramón Cabanillas, 1926)

O Parque Nacional das Illas Atlánticas inclúe Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora. Esta última, atópase na entrada da ría de Arousa e é protagonista dunha infinidade de historias e lendas mariñeiras que mesmo Ramón Cabanillas lembra neste poema.

Para visitala e coñecer a súa riqueza paisaxística e histórica debes saber que diferentes empresas autorizadas ofrecen transporte e visitas guiadas que che descubrirán a illa.

Viaxe ao mundo subterráneo en Serra da Enciña da Lastra

No Parque Natural da Enciña da Lastra, no municipio de Rubiá (Ourense), existen innumerables covas que se poden visitar acompañados dun guía especializado que nos mostrará este reino máxico de estalactitas e estalagmitas.

Pala Cumbeira, Pala da Zorra, Pala Pereda ou Pala Cubela son algunhas das covas, tamén coñecidas como ‘palas’, que conforman esta paraxe natural. Aínda que hai que pedir un permiso específico á administración do parque, existen empresas que organizan este tipo de actividade. Atopa máis información aquí: http://bit.ly/CovasEncinaLastra

O que está claro é que Galicia hai que vivila e a primavera tamén. Por iso, non hai nada mellor que gozar duns días libres en contacto directo coa natureza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *