Versos para percorrer Galicia

Existen innumerables xeitos de percorrer Galicia: a través das súas vilas, da súa historia, das súas tradicións, da súa gastronomía, dos seus ríos, das súas montañas, do seu patrimonio… e, mesmo, da súa poesía. Os versos deixáronse contaxiar tamén pola beleza desta terra propiciando que algúns dos nosos autores máis ilustres se identifiquen de forma inequívoca coas paisaxes aos que cantaron. 

 

 

Antonio Noriega Varela

O poeta da montaña

As paisaxes do seu Mondoñedo natal e doutros municipios lucenses como Abadín inspiraron os versos de Antonio Noriega Varela (1869-1947) propiciando que fose coñecido como o Poeta da Montaña. De feito, a súa primeira obra titulouse “Montañeses”, aínda que en edicións posteriores e ampliadas pasaría a denominarse “D’o ermo”. Nos seus poemas vese a influencia dos vínculos que mantivo durante boa parte da súa vida co movemento agrarista, de tal forma que as estampas da vida campesiña mestúranse coas evocacións da paisaxe e a natureza. Foi homenaxeado no ano 1969 co Día das Letras Galegas.

(…)

Non me namora o mar fero,

que a moitos tanto lles gusta;

a ti, montaña, che eu quero,

e non morro, porque espero

gozar da túa paz augusta.

(…)

 

 

Rosalía de Castro

A gran poetisa de Galicia

Considerada como unha figura crave da cultura galega, Rosalía de Castro (1837-1885) destaca por xogar un papel fundamental na recuperación do prestixio do idioma galego e por conxugar ese feito coa indiscutible calidade das súas creacións literarias. Asociada tradicionalmente ao Romanticismo polas súas composicións máis intimistas, nos seus versos hai tamén espazo para a reivindicación e a denuncia social, así como para recrearse en moitos dos lugares nos que pasou diversos momentos da súa vida e que a marcaron profundamente. O santuario da Virxe da Barca, en Muxía; a igrexa de San Xulián de Bastavales, en Brión, e a catedral e outros espazos de Santiago de Compostela son algúns dos lugares que van desfilando polos versos da gran poetisa galega, autora que ademais inaugurou en 1963 a celebración do Día das Letras  Galegas.

Cantart’ ei, Galicia,

Teus dulces cantares,

Qu’ asi mó pediron

Na veira do mare.

Cantar t’ ei, Galicia,

Na lengua gallega,

Consolo dos males,

Alivio das penas.”

(…)

 

                  

Manuel María

O poeta da Terra Chá

Manuel María (1929-2004) desenvolveuse de forma prolífica e brillante nos xéneros literarios máis diversos (ensaio, narrativa, teatro…) abordando numerosas temáticas e mostrando sempre un carácter combativo e comprometido. Pero foi no campo da poesía onde a obra deste autor homenaxeado no ano 2016 co Día das Letras Galegas alcanzou o seu cume. Tras unha primeira etapa caracteriza por unha poesía intimista, María inaugurou con “Terra Chá” un período no que os seus versos fíxanse nas paisaxes desa comarca lucense. A influencia de Noriega Varela é clave nesa nova orientación e de igual maneira que o autor de D’o Ermo é coñecido como o poeta da Montaña, María pasa a ser cualificado como o poeta da Terra Chá.

“A Terra Chá somentes é 

un pobo aquí, outro acolá,

mil arbres, monte raso, 

un ceo chumbo e tráxico

no que andan as aves a voar.

O resto é soedá.”

 

 

Manuel Antonio

O poeta do mar

A súa prematura morte, con só 30 anos por mor da tuberculose, e a súa escasa produción literaria (pouco máis dun cento de poemas) non impediron que Manuel Antonio (1900-1930) sexa considerado un dos principais representantes das vangardas poéticas en Galicia, feito clave ademais para que no ano 1979 fose homenaxeado co Día das Letras Galegas. Só publicou un poemario en vida, “De catro a catro. Folla sen data d’un diario d’abordo”, escrito durante as prácticas de piloto da mariña mercante que realizou durante os anos 1926 e 1927 a bordo do buque Constantino Candeira, pero a importancia da obra e o eixo central que a inspira son algúns dos motivos polos que Manuel Antonio é citado habitualmente como o poeta do mar. 

“Fomos ficando sós

O Mar o barco e mais nós

Roubaron-nos o Sol

O paquebote esmaltado

que cosía con liñas de fume

áxiles cadros sin marco”

(…)

 

 

Uxío Novoneyra

O poeta do Courel

Nacido no corazón do Courel, moi preto da Devesa da Rogueira, Uxío Novoneyra (1930-1999) nunca deixou de ter presente a súa terra natal, á que volveu unha e outra vez tras os diversos períodos nos que viviu en cidades como Madrid, Lugo e Santiago. Aquelas paisaxes inspiraron boa parte da súa produción poética, tal como se pode er nos dous tomos de “Os Eidos” e en “Elexías do Courel e outros poemas”. Mantivo unha estreita amizade con outros poetas como Manuel María e María Mariño e foi homenaxeado co Día das Letras Galegas no ano 2010. A intensa actividade que desenvolveu durante parte da súa vida levando a poesía a centros de ensino e entidades sociais fixeron que ademais de polos seus poemas, Novoneyra fose moi coñecido polo xeito co que daba voz tanto aos versos propios como aos doutros autores.

“Caurel dos tesos cumes que se ollan de lonxe!

Aiquí… síntese ben o pouco que é un home…“

 

 

Luz Pozo Garza

A poetisa de Ribadeo

A propia Luz Pozo Garza (1922-2020) así o manifestou en máis dunha ocasión: Ribadeo, a vila que a viu nacer e na que pasou os primeiros anos da súa infancia, marcouna profundamente e estivo sempre moi presente na súa produción poética. Os recordos da infancia alí vivida déixanse ver nunha obra fundamental da poesía galega contemporánea, como “Códice Calixtino”, e alcanzan a súa máxima expresión no volume “Ribadeo, Ribadeo”.

“Ribadeo, Ribadeo.

Eu era aquela nena

que medraba na mariña lucense

ó leste dun edén,

no espacio extremo das fisterras.

Ti eras o xardín aberto xusto na nordesía

na seducción da luz.”

(…)

 

 

Ramón Cabanillas

O poeta da raza… e de Samos

O compromiso político co galeguismo de Ramón Cabanillas (1876-1959) e a forma de manifestalo na súa obra literaria convertérono na voz das Irmandades da Fala e valéronlle o sobrenome de “poeta da raza”. Pero na obra do autor cambadés tamén houbo espazo para os versos máis intimistas e para recrearse nalgúns dos lugares que percorreu ao longo da vida. É o caso de “Samos”, un poemario no que expresou de forma lírica o tempo e as vivencias acumuladas durante as estancias que o autor lembrado co Día das Letras Galegas do ano 1976 pasou no mosteiro benedictino da localidade lucense que dá nome a esa obra.

“Como un ramalliño de rosas sangales

pañadas nos folios dos vellos anales

nos místicos hortos, nas edras claustrales

nos ritos antergos, nos áureos corales,

surdeu esta estoria trazada e tecida

en prácidas horas á veira da ermida,

do edoso alcipreste, da fonte durmida,

compás da enlevada, monástica, vida”.

(…)

 

 

Eduardo Pondal

O Bardo de Bergantiños

As paisaxes e lugares da comarca de Bergantiños, na que naceu e desenvolveu boa parte da súa vida Eduardo Pondal (1835-1917) cobran unha importancia especial na obra do autor que xunto con Rosalía de Castro e Curros Enríquez forma o trío de grandes poetas de Rexurdimento galego. Pondal, ao que se lle dedicou o Día das Letras  Galegas do ano 1965, fixo desfilar tanto o seu Ponteceso natal como outros municipios veciños polos seus versos. En ocasións converteu os nomes dalgúns lugares en fonte de inspiración para os personaxes míticos dos seus poemas e noutros casos recreou recordos a través de paisaxes naturais e monumentos.

(…)

“Amabre Ponteceso, anque pequena,

agreste certamente, mas garrida,

cando deixar a mundanal faena

teu bardo e for pasado desta vida,

non t’esquezas de quen, con faz serena,

dixo a toda ciudade fementida:

Eu nacín cabo de pinal espeso,

eu nacín na pequena Ponteceso”

                  

 

Johan de Cangas, Meendinho e Martin Codax

Os trobadores da ría de Vigo

Aínda que sabemos moi pouco sobre estes tres trobadores e que é moi escasa a produción poética que se conservou ata os nosos días, o seu papel é capital nas letras galegas (así lles foi recoñecido no ano 1998) como representantes da importancia que a lingua galego-portuguesa xogou na Idade Media como forma de manifestación cultural. Nos tres casos podemos apreciar nas súas cantigas de amigo (composicións nas que unha namorada mostra o seu pesar pola ausencia do seu amado) paisaxes recoñecibles da ría de Vigo e os seus arredores, como a propia cidade, no caso de Martín Codax; a ermida de San Mamede (Bueu), nas tres cantigas de Johan de Cangas, e a illa de San Simón, onde Meendinho sitúa á amada que dá voz aos seus versos.

“Sedia-m’eu na ermida de San Simión

e cercaron-mi as ondas, que grandes son.

Eu atendend’o meu amigo. E verrá?

Estando na ermida ant’o altar,

cercaron-mi as ondas grandes do mar.

Eu atendend’o meu amigo. E verrá?

E cercaron-mi as ondas, que grandes son:

non hei i barqueiro, nen remador.

Eu atendend’o meu amigo. E verrá?

(…)

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *