Tras as pegadas das pioneiras da ciencia en Galicia 

Fomentar o acceso pleno e a participación equitativa das mulleres no ámbito científico son dous dos obxectivos polos que desde hai 5 anos se celebra cada 11 de febreiro o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. A xornada serve, ademais, para dar a coñecer e poñer en valor o traballo das pioneiras. En Galicia hai un bo número de exemplos de mulleres que foron capaces de superar as barreiras dos tempos nos que lle tocou vivir para formarse e destacar en disciplinas tan diversas como a medicina, a oceanografía, a astronomía ou as matemáticas. A continuación convidámoste a realizar un percorrido por Galicia en busca das historia e dos lugares nos que son lembradas e homenaxeadas algunhas destas pioneiras. 

 

Jimena e Elisa Fernández de la Vega

Médicas e profesoras

As irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega foron as primeiras mulleres en licenciarse en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela (no ano 1919) e ambas obtiveron a Gran Cruz de Alfonso XII polos seus expedientes académicos. Tras completar o doutoramento en Madrid, as súas traxectorias separáronse pero ambas compaxinaron a docencia coa investigación. Unha pneumonía acabou coa vida de Elisa con só 38 anos. O seu recordo sempre estivo moi presente na USC, que lles deu o seu nome á residencia de estudantes situada no Monte do Gozo que estivo en funcionamento desde mediados dos anos 90 do século pasado ata o 2004. O peche da devandita residencia non provocou que o recordo de Jimena e Elisa perdésese, senón que a universidade compostelá optou entón por darlles o seu nome á sede do seu Vicerreitorado de Estudantes, situada en plena zona vella da cidade, nun inmoble da  rúa Casas Reais coñecido popularmente como Casa Simeón. O edificio foi inaugurado no ano 2006 e está pendente na actualidade dun novo cambio de uso.

 

Isabel Zendal 

Enfermeira

Esta enfermeira nada nunha aldea de Ordes no ano 1771 forma parte xa da historia da medicina e da loita contra as pandemias polo papel que xogou para facer chegar a vacina da varíola a América e Filipinas. A crucial participación de Isabel Zendal Gómez na expedición que o médico Francisco Javier Balmís emprendeu en 1803 desde A Coruña coidando aos nenos aos que lle inocularan a vacina para poder transportala a aquelas terras propiciou que a Organización Mundial da Saúde a considerada como a primeira enfermeira da historia en misión humanitaria internacional. Unha placa colocada na súa aldea natal de Parada (Ordes) lémbranos a importancia de Isabel Zendal. Na Coruña, unha rúa leva o seu nome e conta tamén cunha estatua erixida na súa memoria e situada nas inmediacións do lugar onde se atopaba o hospital no que traballou antes de participar naquela expedición que permitiu salvar miles de vidas.

 

Ángela Ruiz Robles

Mestra e inventora

Mestra de profesión, Ángela Ruiz Robles (1895-1975) desenvolveu un importante labor docente que lle valeu diversos recoñecementos. Pero se por algo pasou á historia é pola súa faceta de inventora, desenvolta nunha época no que ese era un campo vetado ás mulleres. Entre os enxeños que ideou atópase un proxecto dunha máquina  taquimecanográfica e, sobre todo, a súa enciclopedia mecánica. Décadas antes de que o libro electrónico se fixese realidade, Ángela Ruiz deseñou unha máquina capaz de almacenar, ordenar e facer accesible ao usuario os coñecementos máis variados. O seu invento, pensado para facilitar a aprendizaxe escolar, foi patentado no ano 1949, pero tivo que esperar ao ano 1962 para poder construír un prototipo no Parque de Artillería de Ferrol. Aquela primeira enciclopedia mecánica formou parte da exposición do Museo Pedagóxico de Galicia (Santiago de Compostela) e na actualidade exponse no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña. Unha placa lembra tamén a Ángela Ruiz no CEIP Recimil, de Ferrol, o último centro escolar onde impartiu clases.

 

Antonia Ferrín Moreiras

Astrónoma e matemática

Unha das aulas da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago leva desde o ano 2008 o nome de Antonia Ferrín Moreiras en recoñecemento a quen foi a primeira doutora en Matemáticas pola USC, ademais de impulsora e primeira profesora da devandita facultade compostelá. Pero, as matemáticas non foron a única paixón intelectual nin o único campo no que foi pioneira esta muller nada en Ourense en 1914. Previamente aos seus estudos de Matemáticas, Antonia Ferrín licenciarase en Química e introduciuse no mundo da astronomía converténdose na principal colaboradora de Ramón María Aller, o fundador do Observatorio Astronómico da USC. O seu interese por ese campo levouna tamén a conseguir outro dos fitos da súa traxectoria: ser a primeira muller en defender unha tese doutoral sobre astronomía en España.

 

María Josefa Wonenburguer

Matemática

O seu periplo académico en Estados Unidos e Canadá (primeiro como estudante da Universidade de Yale e despois como profesora nas de Toronto, Búfalo e Indiana) e o consecuente afastamento da súa terra natal propiciaron que o traballo de María Josefa Wonenburguer (nada en Oleiros en 1927 e falecida na Coruña no 2014) pasase desapercibido durante moitos anos. Pero na actualidade a figura desta matemática e a importancia que xogou como inspiradora de destacadas teorías no ámbito do álxebra comezan a recibir a atención que merecen. María Josefa Wonenburguer dá nome a un importante premio autonómico de investigación, así como a un parque na súa localidade natal, Oleiros. Ademais, unha placa colocada nun monólito do paseo das ciencias do parque de Santa Margarida, na Coruña, lémbranos tamén os seus logros.

 

Ángeles Alvariño

Oceanógrafa

Desde o ano 2012, un buque do Instituto Oceanográfico Español suca os mares levando o nome de María de los Ángeles Alvariño González, a investigadora nada en Serantes (Ferrol) en 1916 e considerada como unha das precursoras da investigación oceanográfica mundial. Nos anos 50 converteuse na primeira muller en participar como investigadora nunha campaña dun buque británico e o seu paso pola Institución Oceanográfica de Woods Hole permitiulle dar o salto a Estados Unidos, onde desenvolveu boa parte da súa carreira. Alvariño descubriu unha vintena de especies e foi recoñecida como unha das principais autoridades mundiais no ámbito do  zooplancto. Senllas placas réndenlle homenaxe no campus de Esteiro, en Ferrol; no parque das ciencias Isidro Parga Pondal de Santiago de Compostela, e no paseo das ciencias do Parque de Santa Margarida, na Coruña.

 

Manuela Barreiro

Farmacéutica

Non foi ata o ano 1910 cando se recoñeceu o dereito ás mulleres a estudar unha carreira universitaria neste país. Pero antes diso Manuela Antonia Barreiro Pico (Viveiro, 1877-Madrid, 1953) logrou un permiso especial para matricularse na Universidade de Santiago e converterse co seu título en Farmacia na primeira muller licenciada na USC. Só dous anos despois, en 1903 Manuela Barreiro regresou a Ribadeo, a localidade onde vivira desde pequena coa súa familia, e abriu a súa propia farmacia, na que traballou ata o momento da súa xubilación, en 1933. O inmoble acolle hoxe en día un establecemento hostaleiro, pero na fachada do edificio pódese ve unha placa na que lembra o papel de Barreiro Pico como pioneira. Tamén dá nome a unha rúa desa localidade.

 

Olimpia Valencia

Xinecóloga

Olimpia Valencia, licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago, naceu no municipio ourensán de Baltar en 1898 aínda que desenvolveu toda a súa carreira profesional, así como unha intensa actividade social e política, en Vigo. Alí abriu en 1928 un consultorio de medicina xeral e xinecoloxía, tal como nolo lembra hoxe en día unha placa colocada na fachada do edificio da rúa Príncipe onde estaba situado. O recordo de Olimpia Valencia está tamén presente noutros puntos diversos da cidade: dá nome a unha das súas rúas, ao Centro de Apoio Tecnolóxico á Investigación (CACTI) da Universidade de Vigo e a un novo centro de saúde proxectado na cidade.

 

María Barbeito

Pedagoga

A súa paixón polos métodos e as teorías da ensinanza levou a profesora, pedagoga, tradutora e escritora coruñesa María Nicolasa Paula Barbeito Cerviño (1880-1970) a converterse nunha pioneira en Galicia da introdución de novas formas de ensinar como o método creado pola italiana María Montessori ou o modelo dos centros de interese de Ovide Decroly. Como profesora, primeiro, e como inspectora mestra, despois, María Barbeito deseñou plans e proxectos empregando materiais e ferramentas novas e impulsou accións para velar tamén polo benestar socioeconómico dos alumnos. Desde hai catro décadas un dos centros escolares da Coruña leva o nome de María Barbeito e desde hai case 20 anos loce tamén un busto desta profesora adiantada ao seu tempo. 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *