Peregrinos ilustres cativados polo Camiño de Santiago

O novo Ano Santo volveu situar o Camiño de Santiago, a cidade do Apóstolo e Galicia en xeral baixo os focos. Son moitos os peregrinos que están a planear emprender a ruta cara a Compostela e que agardan con emoción o momento no que a pandemia da  covid permita que os camiños se volvan encher de vida. O seu obxectivo non é outro que percorrer un itinerario milenario que desde os seus inicios espertou o interese de persoas de toda condición e tamén de reis, santos, papas e representantes do mundo da cultura e o espectáculo. Convidámoste a coñecer a algunhas desas personalidades ilustres que xa forman parte da historia xacobea.

 

Alfonso II O Casto

Ano 834

A lista de monarcas que peregrinaron ata Santiago non tardou en inaugurarse unha vez descuberta a tumba do Apóstolo. De feito o rei Alfonso II O Casto está considerado como o primeiro peregrino do Camiño de Santiago posto que unha vez que tivo coñecemento por parte do bispo Teodomiro da aparición dos restos, non tardou en desprazarse a Galicia desde Oviedo para comprobar e ratificar a veracidade do anuncio. Aquela viaxe deu o pistoletazo de saída ao fenómeno xacobeo e determinou, ademais, o trazado dunha das rutas que constitúen na actualidade os diversos Camiños de Santiago: o Camiño Primitivo. Unha estatua situada na zona vella de Compostela lémbranos aquela primeira viaxe.

 

San Francisco de Asís e Santo Domingo de Guzmán

Comezos do século XIII

Aínda que postas en dúbida na actualidade por diversos historiadores, as peregrinacións a Compostela de San Francisco de  Asís e Santo Domingo de  Guzmán, fundadores ambos das ordes relixiosas ás que dan nome, foron consideradas durante séculos como feitos certos. Así o recollen os libros de historia tradicionais e así permanecen non só no recordo compostelán, senón tamén no dalgúns dos mosteiros franciscanos e dominicos de Galicia, cuxa fundación se relaciona directamente con esas peregrinacións. O 1214 é citado habitualmente como o ano no que San Francisco de Asís chegou a Santiago procedente de Italia. A pegada daquela viaxe segue viva no mosteiro que o santo ordenaría fundar nas inmediacións da catedral. Ese episodio dispón mesmo dunha lenda propia que conta que San Francisco fixo esa encarga a un carboeiro indicándolle que acharía o necesario para levala a cabo nunha fonte próxima. O tesouro que alí atopou foi o que permitiu sufragar as obras do mosteiro. Menos dunha década despois, sería Santo Domingo o que visitaría Compostela. O sacerdote, historiador e arqueólogo Antonio López Ferreiro conta nun dos volumes que dedicou á historia da igrexa compostelá que o santo tiña lazos familiares en Galicia e sinala que estivo polo menos en dúas ocasións en Santiago (a primeira a finais do século XII ou comezos do XIII e a segunda, no ano 1220). Ademais atribúelle directamente a fundación do convento de San Domingos de Bonaval.

 

Reis Católicos

Ano 1486

Non é casual que o impoñente hospital de peregrinos que se alza nun lateral da praza do Obradoiro leve o nome dos Reis Católicos. Foron Isabel I de Castela e Fernando II de Aragón os que decidiron a construción do edificio (actualmente, parador de turismo) tras a peregrinación que realizaron a Santiago no ano 1486 para solicitar a axuda do Apóstolo nas súas campañas bélicas no sur da Península. De regreso a Castela, os monarcas pararon no Cebreiro, onde segundo contan as crónicas, trataron de levar as reliquias milagrosas que se gardan na igrexa de Santa María. Con todo, pouco despois de iniciar a marcha os cabalos detivéronse repentinamente negándose a continuar ata que se lles deixou poñer rumbo de regreso ao Cebreiro. Ante esta situación, os Reis Católicos optaron por devolver as reliquias ao seu emprazamento orixinal. 

 

Carlos I e Felipe II

Anos 1520 e 1554

O neto dos Reis Católicos e o fillo deste tamén forman parte da listaxe de monarcas que acudiron en peregrinación a Compostela. Carlos I fíxoo no ano 1520 no marco da viaxe que o levou ata Aquisgrán para ser coroado emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico. Antes de dirixirse ata A Coruña para embarcarse rumbo a terras xermanas, visitou a tumba do Apóstolo e reuniu en Santiago ás Cortes para tratar de lograr fondos para sufragar a devandita viaxe e os gastos de coroación. Outra viaxe en barco desde A Coruña propiciou que en 1554 fose o seu fillo, Felipe II, quen visitase o sepulcro de Santiago, aínda que neste caso non o fixo como monarca porque terían que pasar aínda 2 anos ata a súa coroación. Felipe II hospedouse no hospital construído por iniciativa dos seus bisavós e realizou varios donativos á catedral compostelá antes de embarcar na cidade herculina para viaxar a Inglaterra e contraer matrimonio con María Tudor.

 

Xoán Paulo II e Bieito XVI

Anos 1982, 1989 e 2010

As súas viaxes a máis dun centenar de países propiciaron que o Papa Xoán Paulo II sexa coñecido como o Papa Peregrino. A esa denominación contribuíron tamén sen dúbida as dúas viaxes que o pontífice realizou a Santiago de Compostela para visitar a tumba do Apóstolo. A primeira, realizada no ano 1982, supuxo ademais a primeira visita dun papa a Compostela, debido a que aínda que algúns dos seus antecesores acudiran en séculos anteriores a Santiago, fixérono antes de acceder á cúspide da Igrexa católica. Aquela peregrinación de 1982 contribuíu a relanzar o fenómeno xacobeo e sentaría as bases dunha segunda visita por parte de Xoán Paulo II, xa no ano 1989, para presidir a Xornada Mundial da Mocidade. O seu sucesor, Bieito XVI seguiu a senda aberta por Xoán Paulo II desprazándose a Compostela con motivo do Ano Santo do 2010. 

 

Paulo Coelho, Kim Nam Hee e Kim Hyo Sun

Décadas recentes

Son moitos os escritores que percorreron o Camiño de Santiago e que plasmaron nas súas obras a experiencia da peregrinación converténdose así en embaixadores da ruta, pero seguramente poucos antes tiveron tanta relevancia nos seus países de orixe como o brasileiro Paulo Coelho e as coreanas Kim Nam Hee e Kim Hyo Sun. A experiencia de Coelho no Camiño no ano 1986 foi a base do seu libro “O peregrino de Compostela (Diario dun mago)”, e aínda que o autor explicou que tras chegar ao Cebreiro tomou un autobús ata Santiago, si recoñeceu que a experiencia lle deixou unha intensa pegada. A súa obra, un auténtico bestseller internacional inspirou a multitude de persoas a seguir os seu pasos, especialmente no seu país natal, e Coelho regresou desde entón a Compostela en varias ocasións. Similar fenómeno, aínda que a escala máis reducida, é o que propiciaron en Corea do Sur as obras de dúas autoras que se deixaron conquistar tamén polo fenómeno xacobeo. Kim Nam Hee recolleu en “A viaxe dunha muller soa”, a experiencia do seu primeiro percorrido polo Camiño Francés no ano 2005. Desde entón percorreu as rutas cara a Santiago noutras catro ocasións. Tamén viviu máis dunha vez a experiencia de camiñar cara a Compostela a súa compatriota Kim Hyo Sun, que dedicou senllos volumes ao Camiño Francés, ao Portugués e á Vía da Prata e que percorreu varias rutas máis ata superar xa a media ducia. Ambas as autoras contribuíron de forma decisiva ao éxito do Camiño en Corea, tal como fixeron tamén nos seus respectivos países outros autores como o presentador e humorista alemán Hape  KerKeling coa súa obra “Bo, lárgome”.

 

Shirley Maclaine

1994

Entre os representantes do mundo do espectáculo que peregrinaron a Santiago cabe destacar a toda unha estrela de Hollywood como Shirley Maclaine. A gañadora dun premio Óscar e protagonista de obras mestras do cinema como “O apartamento” e “Irma a Doce”, completou o Camiño Francés no ano 1994 e a experiencia de percorrer os 800 quilómetros que separan a fronteira gala de Santiago deixou tanta pegada nela que decidiu plasmala tamén nun libro: “O Camiño. Un viaxa espiritual”. Tamén se deixaron ver na ruta cara a Santiago outras estrelas como Anthony Quinn, Charlton  Heston e Martin Sheen, aínda que neste caso non como peregrinos, senón como protagonistas de senllos proxectos audiovisuais inspirados e gravados na ruta: a  miniserie “Camiño de Santiago” no caso de Quinn e Heston (ano 1999), e a película  “The Way”, no caso de Sheen (2009), que xa visitara Santiago uns anos antes, no 2003.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *