O Apalpador reclama o seu espazo no Nadal

 

 

“Chaman tamén a esta noite (Ano Novo), noite do apalpadoiro, porque tócanse o ventre para ver se comeron para todo o ano e os mozos visten roupa nova, para garantila todo o ano así”. Desta forma describía hai máis de medio século o etnólogo Xesús Taboada  Chivite a unha personaxe singular da tradición galega que nos últimos anos foi obxecto de diversas iniciativas de reivindicación e recuperación. Trátase do Apalpador, un carboeiro mitolóxico cuxa lembranza foi mantida viva nas montañas de Lugo e que garda relación directa con outras manifestacións culturais similares e propias desta época do ano que perviviron no norte da Península e noutros puntos de Europa, como é o caso de San Nicolás e, especialmente, do Olentzero vasco.

 

Non se coñecen referencias escritas directas do Apalpador anteriores á Taboada, pero estudos posteriores, como o realizado por José André López González, permitiron botar algo máis de luz sobre esta figura. Este investigador, escritor e tradutor recuperou na aldea de Romeor (Folgoso do Courel) e de boca dunha das súas veciñas máis veteranas unha cantiga tradicional que describe máis en detalle en que consistían as incursións rituais deste personaxe: unha visita nocturna aos máis pequenos da casa, a acción de palpar as barrigas para comprobar se comeran ben ese ano e a entrega de castañas a modo de aguinaldo.

 

A descrición de López González do Apalpador como un xigante con boina, con chaqueta  remendada e que fuma en pipa serviu tamén de base á iconografía coa que retomou vida hoxe en día a personaxe que, ademais, comezou a baixar desde a montaña non só ás aldeas do Courel, senón tamén a outros moitos puntos de toda Galicia. Co tempo fóronse xeneralizando tamén outras cuestións referidas ao seu aspecto, como é o feito de caracterizala como unha persoa rubia e de barba.

 

Do mesmo xeito que ocorre co Olentzero vasco (tamén carboeiro de profesión) e con San Nicolás a presenza do Apalpador está ligada á época do Nadal, aínda que as súas orixes poderían ser precristiás. De feito, tampouco está clara a data exacta na que facía acto de presenza, debido a que aínda que hai quen defende que se trata do 31 de decembro, os versos recuperados por López González parecen apuntar cara á noite do 24 ao 25, en consonancia coa celebración do Nadal: “Xa chegou o día grande / día do  noso señor / xa chegou o día grande / e virá o Apalpador”.

 

O movemento asociativo primeiro, e algunhas administracións públicas despois, fixeron que o seu coñecemento e popularidade fose en aumento nos últimos anos. Así, este Nadal serán moitos os puntos de Galicia nos que faga acto de presenza reclamando parte do protagonismo que Papá Noel había ido adquirindo nos últimos anos en detrimento, á súa vez, dos Reis Magos. Pero máis aló das preferencias de cada un, o Apalpador converteuse nun motivo máis de celebración para unhas datas nas que tradicións e alegría van da man.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *