Letras ilustres para deixarse guiar por Galicia

Galicia, na súa acepción máis ampla e desde as ópticas e os ámbitos máis variados, é a fonte de inspiración principal dos autores que desde hai máis de medio século teñen sido homenaxeados co Día das Letras  Galegas. Todos eles contribuíron á difusión da cultura e da lingua desta terra a través de ensaios, novelas, poemarios e outros textos diversos. En moitos casos, ademais, esas obras convertéronse en xanelas polas que  asomarse a Galicia, en textos cos que deixarse guiar a través das nosas paisaxes e monumentos. Velaquí só unha pequena mostra das “guías” que nos regalaron algúns dos nosos autores máis ilustres. 

 

“Cantares gallegos”

Rosalía de Castro. Homenaxeada no ano 1963

Esta obra de Rosalía de Castro é un dos textos fundacionais do Rexurdimento literario galego e constitúe toda unha declaración de amor a Galicia. Entre os seus versos aparecen reflectidos as súas paisaxes, os seus habitantes, os seus costumes e a forma de vida tradicional. Algúns dos seus poemas permiten achegarnos a lugares e momentos concretos, como a celebración da romaría da Barca, en Muxía. A importancia de “Cantares Gallegos” é tanta que a elección do 17 de maio como Día das Letras Galegas débese precisamente a que foi ese día do ano 1863 cando se publicou o primeiro exemplar da obra.

 

“Guía de Galicia”

Ramón Otero Pedrayo. Homenaxeado no ano 1988

“Aparece este libro inspirado polo ambicioso desexo de ser o amigo e camarada do viaxeiro que chegue a Galicia co espírito aberto ás belezas naturais e artísticas, ás realidades presentes e pasadas”. Así describe a súa “Guía de Galicia” o propio Otero Pedrayo no prólogo desta obra na que inclúe itinerarios para percorrer esta terra deténdose nos seus lugares de maior interese. Publicada por primeira vez hai case un século e en castelán, a obra mantén o seu interese pola erudición do autor e a vixencia de moitos dos seus contidos.

 

“As cruces de pedra na Galiza”

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Homenaxeado no ano 1964

A procura dos vínculos culturais entre Galicia e os demais pobos celtas levou a Castelao a emprender un estudo dos cruceiros e outras construcións similares que se prolongaría durante boa parte da súa vida. “As cruces de pedra na Galiza”, obra publicada postumamente en 1950 daba continuidade á obra que Castelao dedicara aos  cruceiros da Bretaña francesa e a traballos previos, como o discurso preparado con motivo do seu ingreso na Real Academia Galega. As descricións de cruceiros, petos de ánimas e calvarios e as decenas de ilustracións que as acompañan converten este libro nun manual de consulta indispensable para a amantes da arte popular.

 

“Queixumes dos pinos”

Eduardo Pondal. Homenaxeado no ano 1965

Os propios piñeiros que dan título ao poemario e aos seus versos máis famosos (os que forman o Himno galego) son un dos moitos elementos do seu Ponteceso natal visibles nesta obra de Eduardo Pondal. A costa de Camelle, a paisaxe do Monte Branco, a  carballeira de Verdes, o dolmen de Dombate e o curso do río Anllóns poboan tamén estas páxinas consagradas ás terras da comarca de Bergantiños e os seus arredores.

 

“A cociña galega”

Álvaro Cunqueiro. Homenaxeado no ano 1991

Autor prolífico e de imaxinación desbordante, Álvaro Cunqueiro foi tamén un apaixonado do bo comer, como reflectiu en varias das súas obras. En “A cociña galega” fai un repaso pormenorizado aos principais ingredientes e pratos da gastronomía desta terra percorrendo toda Galicia á procura de ritos tradicionais, como a matanza, e aderezando as súas páxinas con innumerables anécdotas.

 

“A Esmorga”

Eduardo Branco Amor. Homenaxeado no ano 1993

Aínda que se trata dunha obra de ficción en clave dramática, “A Esmorga” é tamén unha porta aberta á cidade de Ourense, en cuxas rúas se desenvolven os principais acontecementos da historia dos seus protagonistas. As Burgas, a Fonte de San Cosme, a praza do Corrixidor, a Alameda e outros espazos da cidade, nomeada como  Auria na novela, aparecen nas súas páxinas, o que propiciou que hoxe en día o propio  concello deseñase unha ruta turística seguindo os pasos das personaxes de Branco Amor.

 

“Guía de Galicia para o Turista”

Eladio Rodríguez González. Homenaxeado no ano 2001

A 1917 remóntase xa a publicación que por encargo da Asociación de Hostaleiros e Fondistas de Galicia escribiu o poeta, xornalista e lexicógrafo Eladio Rodríguez. O volume inclúe descricións e recomendacións das principais cidades e localidades de Galicia e do mesmo xeito que ocorre coa guía de Otero Pedrayo permítenos comprobar hoxe en día canto cambiaron todos eses lugares.

 

“Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas”

Uxío Novoneyra. Homenaxeado no ano 2010

Folgoso do Courel, o seu municipio natal, foi o escenario que inspirou moitos dos versos deste gran poeta, pero a súa lírica deixouse cativar por outras moitas paisaxes de toda Galicia. Este volume recolle aqueles versos ligados entre si por estar protagonizados por espazos emblemáticos das distintas rutas do Camiño de Santiago como O Cebreiro, Compostela ou Fisterra.

 

“Santiago de Compostela. Guía dos seus monumentos e itinerarios”

Xosé Filgueira Valverde. Homenaxeado no ano 2015

A divulgación do patrimonio galego ocupou boa parte da produción literaria do que, entre outros moitos cargos, ostentou durante case medio século a dirección do Museo de Pontevedra. Unha das súas primeiras publicacións nese ámbito foi esta esta guía de Compostela editada a comezos dos anos 30 e que nos permite contemplar como era a cidade hai case un século. 

 

“Terra Chá”

Manuel María. Homenaxeado no ano 2016

Como o seu propio nome indica a comarca natal de Manuel María é o tema central deste poemario. As paisaxes da contorna do río Miño, monumentos como a Torre de Vilalba ou o Pazo de Sistallo e a evocación de romarías tradicionais como a da Virxe da Saleta, en San Xiao de Mos (Castro de Rei), nutren este poemario publicado por primeira vez en 1954 e que inspirou tamén unha ruta pola zona que ten como punto de partida a casa museo do autor, situada en Outeiro de Rei.

 

“Hemingway en Galicia”

Carlos Casares. Homenaxeado no ano 2017

A admiración que Carlos Casares sentía por Ernest Hemingway, escritor ao que o unían vínculos narrativos e estilísticos, traduciuse nesta obra. Nela rastrexou a través das cartas e os textos de Hemingway os pasos por esta terra que deu o autor de títulos como “O vello e o mar”, obra que o propio Casares se encargou de traducir ao galego. Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Vigo e Noia son algúns das localizacións ás que fai referencia Hemingway recomendando a súa visita a amigos e compañeiros de oficio. 

 

“Lugo”

Antón Fraguas. Homenaxeado no ano 2019

A etnografía, a xeografía e a historia de Galicia en xeral e daqueles lugares polos que pasou en distintas etapas da súa vida en particular foron os principais ámbitos de creación e divulgación literaria de Antón Fraguas. Á cidade de Lugo, onde residiu na década dos anos 50, dedicoulle unha das súas obras máis importantes, unha  monografía na que combinou un repaso á historia da cidade cunha descrición dos seus monumentos e celebracións máis importantes.

 

“Galicia”

Ramón Piñeiro. Homenaxeado no ano 2009

Os textos de Ramón Piñeiro, figura clave do  galeguismo e da difusión da cultura de Galicia, combínanse neste volume coas fotografías de Víctor Vaqueiro para convidar o lector a un percorrido por unha terra que o autor define como “un país da Europa húmida, encrucillada atlántica entre o norte e o sur do continente”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *