A memoria dos xogos populares gravada en pedra en Compostela

As rúas de Compostela foron testemuñas a través dos séculos de innumerables episodios históricos, do nacemento e consolidación dunha universidade cinco veces centenaria e de fenómenos de alcance universal como o culto ao Apóstolo Santiago e as conseguintes peregrinacións. Pero tamén foron protagonistas de acontecementos máis mundanos, de feitos que nos falan da forma de vivir e relacionarse das xentes que a habitaron. O seu testemuño chegou ata os nosos días gravado en pedra. É o caso das curiosas formas que se poden ver en distintos puntos da cidade.

 

Espazos emblemáticos, como a praza do Obradoiro, accesos a edificios relixiosos e mesmo os balcóns dalgúns céntricos inmobles son algúns dos lugares de Santiago nos que aínda é posible contemplar pequenos buracos tallados na pedra e unidos entre si por sucos elaborados da mesma maneira. Forman figuras que nos traen á mente rapidamente os taboleiros de xogos populares como o tres en raia. E iso é, precisamente, o que son: os espazos de xogo nos que os habitantes da cidade se reunían para ocupar os seus momentos de lecer hai xa varios séculos. 

 

Case dous centenares destes taboleiros son visibles ao longo e ancho de Compostela, segundo puideron constatar os membros da asociación cultural Colectivo A Rula. Seu é o mérito de ter estudado, contabilizado e catalogado este patrimonio histórico e etnográfico que pasa desapercibido para moitos veciños e visitantes, pero que chama a atención aos observadores máis minuciosos. Xunto ás cadeas que adornan a fachada do Hostal dos Reis Católicos e nos bancos dunha das esquinas do Obradoiro, na fachada do mosteiro de San Martiño Pinario e da igrexa de Santa Clara, no pazo de Xelmírez e, mesmo, na balconada da Casa do Cabido pódense ver estes taboleiros cuxos orixes se sitúan nos séculos XVII e XVIII.

 

Non se trata dun fenómeno único, posto que a existencia deste tipo de taboleiros gravados en pedra constatouse tamén noutros puntos diversos do planeta e en culturas antigas, como a Grecia e a Roma clásicas, pero Compostela destaca polo gran número de exemplos que sobreviviu ata os nosos días. E a cifra, podería aumentar aínda máis.

 

Os nove buracos agrupados de 3 en 3 e unidos en moitos casos por sucos é o deseño máis repetido nas rúas de Santiago. Estas figuras eran usadas como taboleiro do tres en raia ou, como é coñecido popularmente en Galicia, do  pai fillo nai. Trátase pois dun xogo que chegou ata os nosos días e que na capital galega gozou de gran popularidade ata mediados do século pasado, época na que mesmo se celebraban campionatos empregando algúns deses taboleiros públicos.

 

Para atopar algún deles só se require un pouco de bo ollo ou seguir os pasos do Colectivo A  Rula e para facer que cobren vida basta con improvisar unhas poucas pezas. Así que cando percorras as rúas e prazas da cidade non dubides en gozar como o facían os seus antigos habitantes.

 

 

 

One thought on “A memoria dos xogos populares gravada en pedra en Compostela

  • 13 Outubro, 2020 ás 13:32
    Permalink

    Hermosa descripción, nos invita a un curioso recorrido por esas amadas ruas

    Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *