A arte urbana converte vilas e cidades galegas en museos ao aire libre

Quen dixo que a arte urbana é algo exclusivo das grandes metrópoles? Vilas e cidades de Galicia reivindicáronse nos últimos anos en espazos de referencia para aqueles creadores que transforman muros baleiros de edificios e infraestruturas urbanas en lenzos cheos de cor. Certames, festivais e outras iniciativas que combinan a loita contra o feísmo coa promoción da cultura urbana teñen convertido as rúas de varias localidades en auténticos museos ao aire libre. A continuación ofrecémosche algunhas visitas que non podes deixar de realizar se queres gozar das obras dos mellores  grafiteiros galegos e dos artistas máis renomeados da escena internacional.

 

FERROL

As Meninas de Canido

O potencial da arte urbano para transformar e impulsar un barrio ten unha boa proba en Ferrol. As Meninas de Canido é un proxecto ideado polo artista local Eduardo Hermida no ano 2008 para loitar contra o abandono do barrio de Canido. A súa paixón pola obra cume de Velázquez foi a que propiciou que esta iniciativa se centrase na reinterpretación das famosas meninas e acabase por convertelas nun sinal máis da identidade ferrolá. Centenares de obras nas que creadores nacionais e internacionais  reinventan desde a súa óptica particular as figuras do cadro de Velázquez decoran xa as fachadas e diversos espazos públicos do barrio de Canido e guían unha sorprendente ruta polas súas rúas.

Máis información en https://visitferrol.com/ruta-de-las-meninas/

 

ORDES

DesOrdes Creativas

Máis dunha década de vida suma xa tamén o festival de arte na rúa DesOrdes Creativas, unha cita que como o seu propio nome indica ten por escenario a localidade coruñesa de Ordes e fomenta o pensamento crítico. Os integrantes do colectivo artístico local Mutante Creativo son os responsables deste certame que permitiu que uns 70 murais decoren as rúas ordenses e que por alí pasasen creadores de medio mundo para deixar as súas obras xunto ás de artistas galegos e do resto de España. Todas elas forman, en palabras dos seus organizadores, “un gran museo público e gratuíto ao descuberto” que se pode visitar seguindo o mapa elaborado para ese efecto.

Máis información en http://desordescreativas.com/

 

CARBALLO

Derrubando Muros con Pintura /  Rexenera  Fest

Dúas iniciativas canalizan a aposta pola arte urbana da capital da comarca coruñesa de Bergantiños. No ano 2013 nacía Derrubando Muros con Pintura, unha proxecto que facendo honra ao nome da localidade arrincou cun mural dun carballo e que rapidamente creceu coa implicación dun nutrido grupo de artistas locais. O seu éxito impulsou dous anos despois a posta en marcha do  Rexenera Fest, un festival que abriu a proposta á participación de creadores chegados de todo o mundo e que propiciou que o nome de Carballo traspasase fronteiras. O legado de ambas iniciativas converteuse nun importante atractivo turístico que o Concello potenciou co deseño de varias rutas que permiten contemplar as creacións máis destacadas.  

Máis información en  https://www.rexenerafest.gal/https://derrubandomuros.gal

 

VIGO

O Marisquiño / Vigo, cidade de cor

A aposta pola arte urbana da cidade de Vigo susténtase tamén en dúas iniciativas principais. Vigo, cidade de cor é un festival de arte urbana nado no ano 2015 e que aínda que se centra principalmente nos creadores locais deu cabida tamén a colaboracións internacionais. Un centenar de creacións poboan xa as rúas viguesas. Ademais, o grafiti é un elemento moi presente tamén noutra cita cultural de referencia da cidade de Vigo: Ou Marisquiño. Aínda que o deporte é o eixo central desta festival nado no ano 2001 e que inclúe probas valedoiras para os circuítos internacionais de skate, MTB e BMX, a súa programación inclúe todos os anos outras manifestacións propias da cultura urbana, como os grafittis.

Máis información en https://www.omarisquiño.com e https://ciudaddecolor.vigo.org

 

AS PONTES

As Pontes enPEZAS

Apenas 4 anos de vida bastaron para que o municipio das Pontes de García Rodríguez se sumase á listaxe de localidades que presumen de transformarse nun museo ao aire libre dedicado á arte urbana. O proxecto As Pontes enPEZAS permitiu que medio centenar desas “pezas” de diversos formatos decoren as rúas deste municipio. O concello incentiva ademais a participación dos veciños organizando rutas e obradoiros, e animando aos veciños aos que propoñan novas creacións e localizacións.  

Máis información en https://enpezas.aspontes.org

 

CAMBRE

Cromático Mural Fest

A Barcala, O Temple e a capital municipal son os tres espazos do concello coruñés de Cambre onde se poden contemplar e admirar os traballos realizados polos participantes no Cromático Mural Fest. Algo máis dunha ducia de obras de artistas galegos principalmente, pero tamén doutros puntos de España e algúns creadores chegados desde Italia ou México, son o resultado das tres edicións celebradas ata a data e cuxos programas incluíron tamén obradoiros e visitas guiadas.

Máis información en https://www.cromaticomuralfest.com/

 

A CORUÑA

Ruarte Fest

Unha vintena de creadores deixaron a súa pegada nas rúas do barrio coruñés do Orzán no ano 2019 coa celebración de Ruarte. Muros e paredes, persianas de comercios e establecementos hostaleiros e, mesmo, portais de vivendas e cristaleiras, serviron de lenzos a unha iniciativa que daba continuidade en forma de festival a un proxecto previo de recuperación de espazos urbanos degradados. Estas novas creacións sumáronse así ás obras que xa adornaban infraestruturas como parques e viadutos.

Máis información en http://ruarte.coruna.gal

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *