Un 2020 para gozar de festa en festa

O 2020 arrinca con festa, a de Ano Novo e proseguirá así, case sen pausa, durante os próximos doce meses. As celebracións en Galicia cóntanse por miles, así que a modo de axenda resumida aquí che mostramos aquelas máis sinaladas pola súa condición de festas de interese turístico para que as poidas anotar na túa propia axenda.

 

Xaneiro

O ano 2020 comeza como acabou o 2019, cos festexos de Nadal, así que se aínda non viches os espectaculares beléns de Valga e Begonte, aproveita os primeiros días do ano para visitalos. Ademais, En Aldán, poderás gozar das Danzas Ancestrais de San Sebastián e no Barco de Valdeorras, da Festa do Botelo.

 

Febreiro

Sabores e tradición convivirán no segundo mes do ano. O entroido mostrará a súa cara máis orixinal e divertida en lugares como Cobres (Vilalba), Laza, Verín, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia, Maceda, Manzaneda e as marxes do río Ulla, mentres que en Cuntis, Lalín, A Fonsagrada, Viana do Bolo e Arzúa deleitarán os seus padais con produtos como o lacón con grelos, o cocido, o botelo, a androlla e o queixo, respectivamente. Ademais, en Bembrive (Vigo) honrarán a San Brais.

 

Marzo

Os ecos da historia resoarán con forza en Baiona coa Festa da Arribada e en Vigo coa súa Reconquista. O caldo, o ourizo de mar e as filloas reinarán en Mourente (Pontevedra), San Cibrao (Cervo) e Lestedo, mentres que en Ferrol gozarán dunha homenaxe feminina con música: a Festa das Pepitas.

 

Abril

A Semana Santa vivirase con especial intensidade e devoción en varios puntos de Galicia: 

Ferrol, Viveiro, Fisterra, Paradela Cangas, Betanzos, Lugo, Mondoñedo e Santiago de Compostela. Pero non será esta a única celebración de abril. En Arcade presumirán de ostras, e na Pontenova, As Neves, Sober, Arbo, Pedrafita do Cebreiro e Bueu farán o propio coas troitas, o requeixo e o mel, o viño de Amandi, a lamprea, o queixo e o millo corvo. Así mesmo, en Camariñas volverán mostrar a súa artesanía máis famosa, o encaixe, e en Tui honrarán a San Telmo.

 

Maio

Maio será un mes cheo de ricos sabores: os que se poderán degustar en Oroso e Pontecaldelas, coas súas festas da troita, ou na Estrada, coa do salmón. En Redondela degustarán chocos; en Melide, melindres e en Muimenta (Cospeito), filloas, mentres que en Ribadavia a cita será co viño do Ribeiro e en Quiroga, co aceite. Ademais, as celebracións etnográficas estarán presentes en Ourense, cos Maios, e en Celanova coa Romaría Raigame de Vilanova dos Infantes. 

 

Xuño

Co verán xa ás portas, o calendario festivo alternará celebracións relixiosas con outras etnográficas. As primeiras estarán presentes en Ponteareas, Bueu, Redondela e Ares (co Corpus e as súas tradicións), Malpica (Romaría de Santo Hadrián) e Lugo (Ofrenda ao Santísimo Sacramento), mentres que as segundas poderanse gozar en Mos (Festa da Rosa), Allariz (Festa do Boi), Bande (Festa do Peixe), Vila de Cruces (Festa do Galo de Curral), Monterrei (Xuntanza de Gaiteiros), Lugo (Arde Lucus), A Coruña (Fogueiras de San Xoán) e Ribadeo (Romaxe das Cruces).

 

Xullo

Inmersos xa no verán a oferta festiva multiplicarase en xullo con propostas para os gustos máis variados. A gastronomía será o eixo das celebracións previstas en Carnés-Vimianzo (cos callos da Faguía), A Guarda (lagosta), Paiosaco-A Laracha (cereixas), Cea (pan), Corme-Ponteceso (percebes do Roncudo), Cambados (vieira), Mugardos (polbo), O Rosal (viño), Celeiro-Viveiro (pescada) e Moaña (carneiro ao espeto). En Candaoso (Viveiro) e Sabucedo (A Estrada) terán lugar as súas famosas rapas das bestas, mentres que en Betanzos celebrarán a Festa Franca; en Bouzas (Vigo), o seu Santísimo Cristo dos Aflixidos, en Lérez (Pontevedra) o San Benitiño; nas Pontes, a Romaría da Fraga, e en Ribeira, a Festa da Dorna. Ademais, Santiago de Compostela concentrará as celebracións do día grande de Galicia coas súas Festas do Apóstolo; en Esteiro (Muros) as carrilanas volverán ser unha fonte de espectáculo, en Narón regresarán ao pasado co seu Oenach e en Ortigueira bailarán ao ritmo da música do seu Festival Intercéltico.

 

Agosto

O mes máis festivo do verán volverá facer gala desta condición con medio cento de citas. Non faltarán as celebracións eminentemente gastronómicas: Burela (bonito), Oímbra, A Arnoia e Herbón-Padrón (pementos) Laro-Silleda (tortilla), O Carballiño (polbo), A Cañiza (xamón), Vilanova de Arousa (mexillón e berberecho), Carril-Vilagarcía (ameixa), Bandeira-Silleda (empanada), Cervo (queimada), Valga (anguía), Salvaterra de Miño (viño do Condado), Cambados (albariño) e O Pino (galo piñeiro). E tamén haberá numerosas celebracións de raíz histórica, relixiosa e etnográfica: Ribadeo (Día da Gaita e Romaría a Santa Cruz), San Cibrao-Cervo (Maruxaina), A Guarda (Festa do Monte), Seoane do Courel (Filandón de Músicas), Buño-Malpica (Mostra da Olería), Catoira (Romaría Viquinga), O Hío-Cangas (Danzas Ancestrais de San Roque), Foz (San Lourenzo), Vilagarcía, Betanzos e Sada (San Roque), Mondoñedo (Medieval), Meira (Festa da Malla), Chantada (Folión de Carros), Laxe (O Naufraxio), Ribadavia (Festa da Istoria), Soutelo de Montes-Forcarei (Festa do Gaiteiro), Viveiro (O Naseiro), Boiro (San Ramón de Bealo), Cabana (San Fins do Castro), Gutiriz (Festival de Pardiñas) e San Miguel de Reinante-Barreiros (Festival do Emigrante). Incluso o deporte estará representado a través do remo no Descenso Internacional do Miño (Tui) e do surf no Galicia Classic Surf Prol (Pantín-Valdoviño).

 

Setembro

O final do verán achégase, pero a festa continúa. As citas para setembro serán en Neda (pan), Darbo-Cangas (Danzas Ancestrais), Pontevedra (Feira Franca), Taboada (Fachas de Castelo), A Cañiza (Virxe da Franqueira), A Pobra do Caramiñal (Festa das  Mortallas), Rianxo (A Guadalupe), Muxía (A Barca), Caión-A Laracha (Os Milagres), Muras (Festa do Poldro), Rairiz de Veiga (A Saínza) e Marín (San Miguel).

 

Outubro

Catro celebracións centrarán o interese en outubro: A Festa da Faba de Lourenzá, a  Festa do Marisco do Grove, o San Froilán de Lugo e As San Lucas de Mondoñedo.

 

Novembro

Novembro é tempo de cogomelos, castañas e magostos, e iso tamén se deixa notar no calendario festivo con celebracións como as que terán lugar en Ourense, Folgoso do Courel e Riós. Ademais, en Moaña celebrarán o seu San Martiño e en Monterroso, a  Feira dos Santos.

 

Decembro

E de novo en Nadal, tocará despedir o 2020 tal como comezou: contemplando os espectaculares beléns de Valga e Begonte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *