Que facer en Galicia do 1 ao 7 de outubro?

Estreamos mes! E con el, unha semana na que se celebran algunhas das festas míticas do calendario galego. Gastronomía, música, tradición e poesía é o que che propoñemos para esta semana do 1 ao 7 de outubro. Bótalle unha ollada e elixe!

Festa de Exaltación do Marisco

Do 4 ao 14 de outubro – O Grove, Pontevedra

A Festa do Marisco no Grove (Pontevedra) é un evento gastronómico-cultural que se celebra desde 1963 e que ten como obxectivo promover os alicerces básicos da zona: o turismo e a pesca. Coa colaboración da Confraría de Pescadores de San Martiño do Grove, mariscadores e produtores locais, o concello pon a disposición dos visitantes as mellores pezas de marisco durante os días de festa.

Nécoras, percebes, navallas, mexillóns e outros manxares espérante na edición 2018 dunha das festividades máis representativas do Grove. Iso si, non esquezas que podes asistir a concursos, conferencias e concertos mentres tomas a túa ración de marisco. Consulta a programación musical e as actividades na súa páxina web oficial.

A que esperas?

Festas de San Froilán

Do 4 ao 12 de outubro – Lugo

Imos de patrón! O 4 de outubro comeza San Froilán en Lugo. Unha reunión nas rúas e as prazas da cidade que mestura a veciños e foráneos nunha festa que achega tradición, historia e cultura coa modernidade. Entre música, bailes e boa comida vívense 9 días de festas patronais para pasalo en grande coa familia e os amigos.

O programa deste ano vén cargado de diferentes propostas lúdicas: concertos, actuacións, talleres e moitas máis actividades que completan máis dunha semana de celebración. Non perdas detalle deste encontro na súa páxina web oficial.

Festa da Faba de Lourenzá

Do 5 ao 7 de outubro – Lourenzá, Lugo

E seguimos degustando outra das delicias da gastronomía galega, as Fabas de Lourenzá. Entre o día 5 e 7 de outubro podemos unirnos á Festa da Faba de Lourenzá no municipio lugués que lle dá nome, Vilanova e Lourenzá. Un gran encontro que venera unhas fabas de excepcional calidade recoñecidas coa Indicación Xeográfica Protexida de Lourenzá.

A edición número 27 desta celebración, declarada de Interese Turístico Galego en 2001, preséntase unha vez máis como unha cita destacada no calendario de festas de Galicia. Atopa máis información na páxina web do concello.

Imos probalas!

VIII Festival Kerouac

Do 4 ao 7 de outubro – Vigo, Pontevedra

A oitava edición do Festival Kerouac volve un ano máis a Vigo. Diferentes propostas artísticas que inclúen poesía, concertos, recitais, proxeccións e performances percorrerán as rúas da cidade a bordo dun particular vehículo poético coñecido como Poemóbil.

Coñece máis sobre esta iniciativa grazas ás redes sociais do festival e faite coas túas entradas. Moitas delas son gratuítas!

Organiza a túa escapada a Pontevedra ou Lugo e sumate aos plans que te propoñemos. Cal prefires?

Deixar una contestación

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *