Que facer en Galicia do 1 ao 7 de abril

Coa primavera chegan as semanas cheas de festas en Galicia. A partir de agora, a densidade de eventos increméntase así que volvemos publicar a axenda semanal. Se queres estar ao tanto dos eventos na nosa comunidade, permanece atento ao blogue cada luns. Non deixes pasar nin unha soa festa!

Esta semana a cousa vai de produtos gastronómicos de Galicia. Ostras, queixo de San Simón da Costa, millo corvo… Hai para todos os gustos!

 

Festa Encontro-Degustación do millo corvo

Do 5 ao 7 de abril – Bueu

En primeiro lugar, sabes o que é o millo corvo? Por se aínda non o coñeces, é unha variedade de millo negro case extinguido na comarca do Morrazo. Co fin de recuperar este produto e difundir o seu consumo, a Asociación Cultural Meiro organiza anualmente esta feira gastronómica.

Esta vixésimo primeira edición, abrirase o venres ás 18:00 horas cunha Muiñada nos Muíños do Canudo e seguirá o sábado e o domingo con charlas, actuacións, talleres, rutas e a posibilidade de degustar infinidade de produtos elaborados con fariña de millo corvo como pan, empanada ou tortas.

Se es de bo dente, tes que asistir a esta cita!

 

Festa do Queixo de San Simón da Costa

6 e 7 de abril – Vilalba

Gústache o queixo? Esta fin de semana celébrase a Festa do Queixo de San Simón dá Costa. Este afumado é unha das delicias con Denominación de Orixe Protexida de Galicia e animámoste a que che te achegues a Vilalba a probalo.

Sábado e domingo, este manxar típico da comarca da Terra Chá convértese no protagonista pero tamén poderás asistir ao pregón de Luís Zahera, á actuación da Orquestra Mondragón, a concertos e a showcookings.

O plan perfecto se estás pola provincia de Lugo.

 

Festa da Ostra de Arcade

6 e 7 de abril – Soutomaior

As ostras, en xeral, están ricas, pero estas son espectaculares. As criadas na desembocadura do río Verdugo teñen un sabor peculiar e un merecido renome. Arcade soubo explotar o seu produto estrela, son pioneiros na súa comercialización e conseguiron que as súas ostras se atopen dentro das mellor cotizadas do mercado.

Durante estes dous días, podes achegarte ao peirao de Arcade para gozar deste molusco na súa mellor época, botar un baile na verbena ou admirar os fogos artificiais.

 

Ademais destas festas, xa empeza algunha das Semanas Santas de Galicia. Se estás interesado en coñecelas todas, atento ao blogue! Esta semana publicaremos un artigo con todas as de interese turístico de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *