Que facer en Galicia a semana do 9 ao 15 de marzo

O menú da axenda desta semana ofrécenos unha oferta ampla e variada. Música, gastronomía, devoción, tradición, etnografía, motor e mesmo xardinería conviven nun calendario capaz de atraer ao público máis diverso e esixente.

 

Festival Pórtico do Paraíso

13, 14 e 15 de marzo. Varios municipios

A duodécima edición do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso despídese esta semana cos seus tres últimos concertos. O trío británico Kosmos Ensemble actuará o venres 13 na igrexa de Santa María de Régoa (Monforte de Lemos), o arpista Andrew Lawrence-King farao o sábado 14 na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao) e o guitarrista arxentino Víctor Villadangos farao o domingo 15 no Liceo de Ourense.

Máis información aquí

 

Festa do Ourizo de San Cibrao

14 de marzo. Cervo

Concursos gastronómicos, degustacións, talleres e música. Con este saboroso menú a vila de San Cibrao (Cervo) vestirase este sábado de festa para render homenaxe a un dos produtos do mar con máis tradición na zona: o ourizo. 29 edicións suma xa esta celebración declarada de interese turístico.

Máis información aquí

 

Festival Atlántica

Do 10 ao 20 de marzo. Varios municipios

Máis de 50 actuacións (para público escolar e adulto) repartidas en 9 municipios (Santiago de Compostela, Ferrol, Lalín, Teo, Pazos de Borbén, Brión, A Coruña, Ourense e Vigo) integran o programa de actividades da nova edición do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, que se desenvolverá desde o martes 10 ata o venres 20. 

Máis información aquí

 

Exposición Camelia das Mariñas

14 e 15 de marzo. Sada

A Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada acollerá esta fin de semana a cuarta edición da Exposición da Camelia das Mariñas. Por dous días as instalacións sadenses converteranse nun xardín para acoller numerosas variedades desa fermosa flor.

Máis información aquí

 

Presentacións do Festival SonRías Baixas

12, 13 e 14 de marzo. Varios municipios

As festas de presentación da próxima edición do festival estival SonRrías Baixas visitan esta semana tres localidades. Sondarúa, Ninhodelosrecados Dj, García MC & Dj Mil e Nación Quilombo serán os artistas encargados de animar as veladas previstas en Vigo (xoves 12), Ourense (venres 13) e Bueu (sábado 14).

Máis información aquí

 

Feira do Queixo de Moeche

15 de marzo. Moeche

O queixo volverá ser o gran protagonista da feira monográfica que se celebrará este domingo no municipio coruñés de Moeche. Pero tamén haberá tempo para actividades paralelas como catas, talleres e actuacións.

Máis información aquí

 

EsmorgaFest

13 e 14 de marzo. Sarria

Cariño, Viva Belgrado, La Trindad, Böira, Los Punsetes, Moon Duo, Pony Bravo,  Modern Nature, Uniform e Aliment son algúns dos grupos que poñerán a música esta fin de semana ao festival de música independente Esmorga Fest.

Máis información aquí

 

Concentración Mototurística en Mondoñedo

14 e 15 de marzo. Mondoñedo

Os amantes das dúas rodas dispóñense a plantar cara ao frío participando nunha nova edición (a trixésimo primeira xa) da Concentración invernal de motos de Mondoñedo. Os participantes poderán gozar de dúas xornadas de convivencia, rutas e música.

Máis información aquí

 

Festa do Lacón e Foliada da Mariña

14 de marzo. Xove

Lacón con grelos de primeiro e foliada musical de segundo. Ese é o menú principal da  décimo quinta edición da festa que se celebrará este sábado no pavillón municipal de Xove.

Máis información aquí

 

Festa da Filloa e da Cachucha de Abellá

15 de marzo. Frades

O terceiro domingo do mes de marzo volve ser sinónimo de celebración na parroquia de Abellá (Frades). A novena Festa da Filloa e a Cachucha volverá congregar a un gran número de persoas dispostas a gozar destes dous saborosos pratos.

 

Feira de San Gregorio

14 e 15 de marzo. Pías (O Rosal)

Os veciños de Pías vivirán esta fin de semana a súa tradicional Feira de San Gregorio, unha cita que durante dúas xornadas volverá conxugar devoción, gastronomía, artesanía, concursos, talleres infantís e música en directo.

Máis información aquí

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *