Que facer en Galicia a semana do 6 ao 12 de xaneiro

O Nadal resístese a abandonar Galicia. Serán varios os puntos da comunidade onde se poderá gozar aínda de varias propostas relacionadas directamente con estas celebracións. 

 

Cabalgatas de Reis

6 de xaneiro. Varios municipios

Aínda que os Reis Magos visitaron xa a maioría dos municipios e os fogares de Galicia, o luns 6 celebraranse novas cabalgatas en numerosas localidades. Consulta a axenda do teu municipio para non perder estas últimas citas coa ilusión do Nadal.

 

Beléns de Valga e Begonte

Ata o 12 e o 26 de xaneiro. Valga e Begonte

Os dous beléns de Galicia que foron declarados de interese turístico permanecerán abertos varios días máis para que veciños e visitantes poidan seguir contemplando estas coidadas postas en escena tradicionais. O de Valga estará aberto ata o domingo 12 e o de Begonte, ata o día 26 deste mes.

 

Festas de San Xiao

6 e 7 de xaneiro. Varios municipios

En varios lugares de Galicia a festa continúa coa chegada da seguinte cita do seu calendario de celebracións. É o caso daqueles municipios que teñen por patrón a San Xulián, como Ferrol, onde se celebra o 7 de xaneiro con degustación gratuíta de racións de arroz con leite e outras actividades festivas; Pontecesures e A Illa de Arousa entre outros, onde hoxe e mañá serán días de romaría e alegría. Noutros lugares, esta celebración aprazarase ata a fin de semana.

 

Galicia, un relato no mundo

Ata o 12 de abril. Santiago de Compostela

Unha selección de pezas de gran importancia para a historia e a cultura desta terra e procedentes de diversos países do mundo danse cita na exposición que se pode visitar no Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura. Trátase da primeira gran exposición organizada pola Xunta con motivo do Xacobeo 2021.

Máis información aquí

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *