Que facer en Galicia a semana do 3 ao 9 de febreiro

Os primeiros actos do entroido conviven na axenda desta semana con propostas tan variadas como a arte urbana, o circo, un festival benéfico, unha celebración con sabor a tradición, o cinema feito en Galicia e a mellor gastronomía.

 

Primeiros entroidos

8 e 9 de febreiro. Varios municipios

Aínda que faltan uns días para a celebración dos actos centrais do entroido, os festexos xa comezaron nalgúns dos municipios nos que presumen da consideración de festa de interese turístico. En Xinzo de Limia, esta fin de semana será a quenda do Sábado do Colgamento do Meco e do Domingo Oleiro, mentres que nas beiras do río Ulla os seus famosos Xenerais levarán as súas divertidas coplas ata Vedra e Santiago de Compostela (sábado 8) e Teo (domingo 9).

 

Concerto Benéfico a favor de NormalizAutismo

7 de febreiro. Santiago de Compostela

Guadi Galego, Luís Fercán, Yoli Saa, Jorge Casal, Xabier Vizcaíno, Vicky Castelo, Silvia Penide e Adriana Moragues son algunhas das voces que poñerán a súa música e a súa arte ao servizo dunha causa solidaria o venres 7. Ese día subiranse ao escenario do Teatro Principal para participar na segunda edición do festival a favor da entidade sen ánimo de lucro NormalizAustismo Galicia.

Máis información aquí

 

San Brais de Bembrive

3 de febreiro. Vigo

Despois de varias semanas de animación nos furanchos da zona, a parroquia viguesa de Bembrive gozará o luns 3 da xornada central do San Blas, unha celebración que este ano estrea a súa condición de festa de interese turístico. O ambiente festivo, a música e os ricos sabores desta época do ano serán os protagonistas da xornada.

 

Mostra de Grafitis de Xuventude Crea

Ata o 8 de febreiro. Santiago de Compostela

Se aínda non contemplaches os mellores traballos do certame Xuventude Crea dispós duns poucos días máis para facelo en Compostela. A biblioteca Anxel Casal acollerá ata o día 8 os proxectos finalistas na modalidade de grafiti.

Máis información aquí

 

Semana do Cinema Galego

Do 6 ao 9 de febreiro. A Coruña

O Teatro Colón abre as súas portas ao sector audiovisual galego dedicándolle catro xornadas de proxeccións. O público poderá gozar así de títulos como a multipremiada “O que arde” (xoves 6), “Longa noite” (venres 7), “Eroski Paraíso” e “Quen a ferro mata” (sábado 8), e “Feedback” (domingo 9).

Máis información aquí

 

Escenas do Cambio 2020

Ata o 8 de febreiro. Santiago de Compostela

As artes escénicas regresan á Cidade da Cultura cunha nova edición do festival Escenas  do Cambio. Coa idea de camiño e de cambio como fío condutor o programa reúne unha decena de propostas variadas (danza, teatro…) nas que a representación galega corre a cargo, entre outros, do trío formado por Quico Cadaval, Celso Sanmartín e Guti.

Máis información aquí

 

Xantar

Do 5 ao 9 de febreiro. Ourense

21 edicións suma xa Xantar, a Feira Internacional de Turismo Gastronómico que volverá converter a cidade de Ourense na capital do bo comer. Conferencias, obradoiros gastronómicos, aulas de cata, encontros, degustacións, presentacións, concursos, premios e outras moitas propostas integran o intenso programa de actividades deste ano.

Máis información aquí

 

Cirque du Soleil

Do 5 ao 9 de febreiro. Santiago de Compostela

A famosa compañía Cirque du Soleil regresa a Galicia para presentar no pavillón Multiusos do Sar o espectáculo “Corteo”. O pallaso Mauro guiará ao público nunha historia e unha montaxe que combinan alegría e vistosidade con melancolía e lirismo.  

Máis información aquí

 

Xornadas sobre Industriais Musicais

6 de febreiro. A Coruña

A música como elemento para superar fronteiras é o eixo sobre o que se desenvolverá a primeira sesión das xornadas sobre industrias culturais promovidas pola Fundación Paideia, que se celebrará o xoves 6. A artista Uxía e as xornalistas Joana Brandao e Belén Regueira serán as relatoras dunha xornada na que a música en directo correrá a cargo de Astrogirl.

Máis información aquí

 

Galicia, un relato no mundo

Ata o 12 de abril. Santiago de Compostela

Unha selección de pezas de gran importancia para a historia e a cultura desta terra e procedentes de diversos países do mundo danse cita na exposición que se pode visitar no Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura. Trátase da primeira gran exposición organizada pola Xunta con motivo do Xacobeo 2021.

Máis información aquí

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *