Que facer en Galicia a semana do 2 ao 8 de decembro
A tradición dos Beléns en Galicia ten os seus máximos expoñentes en Begonte e Valga, pero o ambiente do Nadal comézase a estender por toda a comunidade a medida que se van acendendo tamén as iluminacións festivas. Ademais, a axenda desta semana déixanos un par de citas de primeira orde coa música e a arte e a historia.
Belén de Begonte
A partir do 5 de decembro. Begonte
O pregón do cura e escritor Félix Villares servirá este xoves para inaugurar o Belén Electrónico de Begonte. Hai xa 47 anos que arrincou esta tradición do Nadal, que non deixou de crecer desde entón e que combina as estampas tradicionais do Belén con escenas do mundo rural galego, todas elas animadas electronicamente. Pola súa singularidade foi declarado de interese turístico.
Máis información aquí
Belén Artesanal de Valga
Desde o 1 de decembro. Valga
Desde o pasado domingo pódese visitar en Valga o seu Belén Artesanal, que do mesmo xeito que o de Begonte goza da consideración de celebración de interese turístico. Máis de 3.000 pezas forman esta espectacular posta en escena preparada por un grupo de veciños e que ano tras ano atrae ata a localidade a miles de persoas.
Máis información aquí
Outras citas do Nadal
Ata comezos de xaneiro. Varios municipios
O ambiente do Nadal estendeuse por toda Galicia con iniciativas diversas. Ás xa famosas luces que iluminan Vigo sumaranse alumeados festivos na práctica totalidade das cidades e os pobos de toda a comunidade. Ademais, en moitos deles haberá outras actividades especiais durante o mes de decembro e o comezo de xaneiro, como pistas de patinaxe sobre xeo e mercados de Nadal na rúa. Consulta as axendas locais e súmate á festa.
Galicia, un relato no mundo
Ata o 12 de abril. Santiago de Compostela
Unha selección de pezas de gran importancia para a historia e a cultura desta terra e procedentes de diversos países do mundo danse cita na exposición que se pode ver na actualidade no Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura. Trátase da primeira gran exposición organizada pola Xunta con motivo do Xacobeo 2021.
Máis información aquí
Concerto de despedida de NAO
7 de decembro. Santiago de Compostela
Tres lustros despois e tras gañarse un lugar de privilexio na escena musical galega, NAO despídese dos escenarios e do seu público cun último concerto. A velada que terá lugar no recinto feiral de Amio reunirá sobre o escenario a antigos integrantes da banda, a artistas como Mini e Sabela Ramil, e a músicos doutras formacións como Banda Bassotti ou Dakidarría, entre outros invitados especiais.
Máis información aquí