Que facer en Galicia a semana do 17 de xuño ao 23 de xuño.

Que mellor maneira de darlle a benvida ao verán que asistindo a estas festas que che propoñemos a continuación, cheas de cor, vida e diversión.

Festa do Corpus Christi de Redondela, cos eventos celebrativos da Coca, As Penlas e a Danza das Espadas

20 de xuño – Redondela

As Festas da Coca de Redondela duran cinco días e coinciden co Corpus (día grande). Conta a lenda, que preto de Redondela vivía un dragón que de cando en vez se achegaba á vila e alí, raptaba a unha nena para levala á súa cova. Un día, uns mozos decidiron enfrontarse a el ata vencelo e liberaron ás cativas.

Para celebrar a vitoria, danzaron coas súas espadas ao redor del. En homenaxe a esta lenda, o día do Corpus, na procesión participa a figura da Coca, acompañada dos danzantes das Espadas e das Penlas. Estas, ataviadas con traxes brancos, forman un conxunto coreográfico cos danzantes das Espadas. As mulleres adultas levan sobre os seus ombreiros ás nenas pequenas, tamén de branco e con ás de anxos. Co seu baile representan a alegría das nais pola morte do monstro e con iso, a liberación das súas fillas.

Un amplo programa festivo con verbenas nocturnas, exposicións, concertos e espectáculos nos que se recrea a lenda da Coca.

Festa San Xoán 2019

Do 21 de xuño ao 23 de xuño – Santiago de Compostela

En Santiago, coincidindo coas festas de San Xoán, celébrase por cuarto ano consecutivo un festival que, ademais de contar cun mercado tradicional, inclúe na súa programación unha gran diversidade de actividades e talleres para a posta en valor dos ritos e tradicións galegas desta época do ano, marcada polo solsticio de verán.

Entre as actividades, tamén se contemplan roteiros de recollida de herbas de San Xoán, un tren gratuíto polas “cacharelas”, ademais de música, queimadas con conxuro, etc.

Para saber mais sobre estes días de festa consulta o programa.

Corpus Christi

Do 22 de xuño ao 23 de xuño – Ponteareas

O domingo de Corpus, as rúas céntricas de Ponteareas amencen tapizadas con espectaculares alfombras florais polas cales pasará a procesión do Santísimo Sacramento. Unha tradición convertida en festa de interese turístico internacional que ten máis de 150 anos de antigüidade e que perdura grazas ao tesón dos veciños que traballan durante a véspera na confección das alfombras.

Moitos son os visitantes que se achegan pola noite para ver a súa elaboración. Nelas emprégase unha gran variedade de plantas, como a hortensia, a mimosa ou a rosa, entre outras. O traballo é unha auténtica manifestación de voluntariedade popular na que todos participan. Hainos figurativos pero a maioría dos deseños son debuxos xeométricos que sorprenden pola súa magnitude e colorido. O significado das alfombras é profundamente relixioso, confeccionadas como ofrendas ao Santísimo.

Goza desta fin de semana en Redondela!

Festa das alfombras florais de Bueu

23 de xuño – Bueu

Tamén en Bueu se celebra o Corpus. A Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu logrou revitalizar a tradición das alfombras na vila. Hoxe en día, os tapices florais cobren un quilómetro e medio das rúas, facendo delas un lugar digno de visitar e gozar ante tanto colorido.

Festa das alfombras florais do Corpus Christi

23 de xuño – Ares

As alfombras florais do Corpus Christi de Ares son admiradas ano tras ano polos visitantes que se achegan á vila mariñeira.

Os veciños son os encargados de crear esta espectacular obra de arte vexetal. Dedican semanas de esforzo á súa elaboración e conseguen que alcancen unha lonxitude de máis dun quilómetro. A recollida das flores é tan importante como a confección das alfombras e, por iso, os veciños e a Asociación de Alfombras Florais de Ares preparan un calendario de recollida.

A véspera móntanse as alfombras e o día grande Ares amence cunha verdadeira obra de arte nos seus chans. O domingo, o paso da procesión borrará estas alfombras, que quedarán no recordo dos visitantes ata o ano seguinte.

Fogueiras San Xoán

24 de xuño – A Coruña

A Noite de San Xoán na Coruña celébrase con gran entusiasmo.

A noite do vinte e tres, o cheiro a sardiñas asadas e ao lume das fogueiras invade a cidade. Moita xente celebra a entrada de verán cumprindo co rito de pedir desexos saltando sobre as chamas e outros moitos co baño das nove ondas.

A fogueira máis concorrida é a da praia de Riazor. Nela, unha figura de bruxa de cartón pedra resalta entre a multitude. Ata este punto chegan en cabalgata a Meiga Maior, a Meiga Maior Infantil e as súas respectivas Meigas de honra, elas son as encargadas de acender a fogueira cun espectáculo que abarrota as praias de Riazor e de Orzán. Nunha noite como esta, chea de elementos rituais, a festa prolóngase ao aire libre e polos locais do Paseo Marítimo ata o amencer.

Se non sabes que facer para a terceira semana de xuño, poñémoscho fácil con estes plans que non che poderás perder. A gozar!

Festa de interese turístico internacional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *