Que facer do 10 ao 16 de xuño en Galicia?

Chega a calor e o bo tempo e, para celebralo, convidámoste ás festas que se celebran Galicia esta semana. Atento porque vén cargada.

FESTA DA ROSA

Día 13 de xuño – Mos

A Festa da Rosa é un evento singular dedicado á rosa de Quirós, presente nas insignias representativas do Concello. Esta festa é o centro dunha ampla variedade de actos culturais e lúdicos, nos que se combina a tradición e a música, e nos que participan asociacións culturais e veciñais.

Ven á Festa da Rosa en Mos e coñece este lugar tan marabilloso.

 

O Son do Camiño

Do 13 de xuño ao 15 de xuño – Monte do Gozo

Este ano, Santiago de Compostela acolle a segunda edición do festival O Son do Camiño, cuxo cartel está composto por máis de trinta recoñecidos artistas do ámbito musical: Black Eyed Peas, Iggy Pop, David Guetta, Die Antwoord, Rosalía, Bastille, Vetusta Morla, The Hives ou Iván Ferreiro son algúns deles.

O festival contará cunha zona de descanso e un Glamping preto da zona de concertos con duchas, cafetería, consigna, seguridade e puntos de recarga de dispositivos móbiles, entre outros servizos. A reserva poderase facer a través da web do festival.

Aínda estás a tempo, achégache a Santiago e goza do festival!

 

ARDE LUCUS

Do 14 de xuño ao 16 de xuño – Lugo

O Arde Lucus comezou no ano 2002 co obxectivo primordial de rememorar a
fundación da cidade de Lugo, recreando o seu pasado romano. Este acontecemento, conxuga os aspectos lúdicos e culturais coa maior rigorosidade histórica posible.

O seu recinto amurallado transfórmase cada ano durante tres días en Lucus Augusti. Durante a festa, a Muralla cobra protagonismo. Aínda que non todo é a recreación histórica, tamén conta cunha boa oferta da gastronomía luguesa.

 

FESTA DO PEIXE

Do 14 de xuño ao 16 de xiño – Bande

Desde hai máis de 50 anos, en Bande, celébrase a Festa do Peixe. A súa intención é a de promover a riqueza gastronómica, ademais de dar a coñecer as potencialidades turísticas da zona cun concurso de pesca.

A festa tamén conta con talleres, charangas, actuacións musicais, mercados de artesanía e antigüidades, un roteiro cabalar e a degustación de diferentes preparacións de peixe. Non se poden esquecer os doces, o viño, o pan de millo e outros pratos típicos de Bande e A Baixa Limia.

Unha das últimas novidades desta festa é a degustación dunha empanada en forma de peixe de máis de 15 metros. Bande conxuga con esta convocatoria de maneira harmoniosa aspectos gastronómicos, culturais, deportivos e ambientais.

Anímate e pasa tres días de diversión!

 

FESTA DO BOI

Do 15 de xuño ao 23 de xuño – Allariz

Conta a lenda que en 1317, un fidalgo de Allariz de profundas conviccións relixiosas chamado Xan de Arzúa, quixo acabar coas burlas dos xudeus ao paso da procesión do Corpus e para iso, encabezou a procesión a lombos dun boi, cargado de sacos con formigas que botou sobre os xudeus.

O fidalgo deixou en herdanza un dote suficiente para que todos os anos un boi percorrese as rúas. Así, hoxe en día a Festa do Boi dura dez días e o seu acto central son as carreiras do boi, que saen varias veces ao día polas rúas de Allariz. o boi fai o seu percorrido suxeito cun longo ramal polos integrantes das peñas, que van vestidos con camisa branca e pano vermello. O boi ábrese camiño acometendo contra o numeroso público que o acompaña e que grita a un tempo “ aí vén o boi, aí vén o boi”.

Á festa non falta Xan de Arzúa, que fai a súa aparición antes da procesión do Corpus, encarnado nun boneco de palla sobre un carro de vacas. É rodeado por danzantes gremiais, e trasladado polas rúas ata o Campo da Barreira, onde unha multitude ataviada con roupas da época medieval participa nunha comida.

 

ROMARÍA DE SANTO HADRIÁN

16 de xuño – Malpica de Bergantiños

Nesta festividade relixiosa, os romeiros teñen que levar o santo ás costas desde a igrexa parroquial de San Xulián en Malpica ata a pequena capela do cabo de Santo Hadrián. Trátase dun percorrido duns 5 quilómetros cruzando camiños e praias e en cuxo final poden divisarse as Illas Sisargas.

Esta romaría atrae a milleiros de devotos de toda Galicia que fan a procesión a pé ou a cabalo e que, máis tarde, gozan dunha boa comida campestre na contorna.

Chama aos teus amigos ou familiares e dilles que non fagan plans. Esta fin de semana ides de festa!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *