Citas festivas tradicionais para o ecuador de agosto 

O ecuador do mes de agosto está marcado en vermello nos calendarios festivos de boa parte de Galicia. As celebracións en honra de Santa María e de San Roque propician que o ambiente festivo e os actos lúdicos se repitan por toda a comunidade. Ademais, son as datas escollidas para levar a cabo outras citas que teñen como eixo a gastronomía, o deporte e a etnografía, e como denominador común o feito de ser declaradas de interese turístico. Este ano moitas destas celebracións non poderán ter lugar ou verán notablemente modificados os seus programas de actividades, pero o seu espírito estará moi presente en todas esas localidades.

 

Festa de San Lourenzo. Foz 

As festas patronais de Foz constitúen un dos grandes alicientes do verán nese municipio da Mariña luguesa e cada ano atraen a numerosos turistas e veraneantes. O seu amplo e diverso programa inclúe durante todo agosto verbenas, concertos, degustacións, exhibicións  tradicionais, concursos de castelos de area e outras moitas propostas, aínda que o groso dos actos desenvólvese durante o ecuador de mes e teñen como xornada principal a do día 10. Haberá que agardar ata o ano próximo para volver gozar en todo o seu esplendor desta celebración declarada de interese turístico.

http://www.concellodefoz.es/

 

Descenso Internacional do Miño. Salvaterra de Miño e Tui 

Os promotores desta espectacular cita deportiva que cada ano enche as augas do río Miño de embarcacións e deportistas optaron por adaptarse ás novas circunstancias mantendo parte da celebración. Non haberá o multitudinario Descenso Popular do Miño, pero si se mantén o Descenso Internacional do Río Miño, unha proba que está a piques de alcanzar o medio século de vida. O día 15, os padeeiros volverán acudir á chamada do Club Kaiak Tudense para sucar o Miño e unir a distancia que separa as localidades de Salvaterra de Miño e Tui.

http://www.kayaktudense.org/

 

Sardiñada Popular. Sada 

Os actos programados polo Concello de Sada para honrar ao patrón da localidade, San Roque, tamén sufrirán algúns cambios este ano. Foi cancelado o concerto principal previsto para o día 14 e, probablemente, os fogos artificiais serán substituídos por un espectáculo audiovisual, pero si haberá outras propostas e aínda está pendente de decidir se se celebrará a tradicional sardiñada popular. Declarado de interese turístico, este saboroso festexo suma xa seis décadas como parte fundamental do programa do San Roque aínda que as súas orixes poderían remontarse máis atrás no tempo como unha pequena merenda no porto.

https://www.sada.gal/

 

Feira do Xamón. A Cañiza

O clima da Cañiza é o idóneo para o curado dos produtos cárnicos, tal e como destacan desde este municipio pontevedrés para explicar por que presumen de ser a capital do xamón e de celebrar unha feira gastronómica monográfica que desde o ano 2013 goza da consideración de festa de interese turístico. A súa primeira edición foi en 1966, desde entón veuse desenvolvendo cada ano para mediados do mes de agosto, sendo a súa xornada central a do día 15.

http://www.caniza.org

 

Festa de San Roque. Betanzos

O lanzamento dun enorme globo de papel e as animadas travesías festivas da  Xira Os  Caneiros son dúas dos elementos máis singulares e vistosos das festas patronais de Betanzos. Ambos caéronse este ano do programa festivo por mor da  covid, así que haberá que esperar ao 2021 para gozar do San Roque na súa plenitude, pero o Concello mantén unha interesante programación de actividades culturais, como concertos, de aforo limitado e reducido para que o espírito festivo non abandone de todo a localidade. 

https:// betanzos.es/

 

Festa da Ameixa. O Carril (Vilagarcía de Arousa) 

Con case unha trintena de celebracións ás súas costas a Festa da Ameixa do Carril é unha das citas gastronómicas máis importantes da comarca de Arousa. O saboroso bivalvo que se cultiva nesta parroquia de Vilagarcía de Arousa é o eixo dunha festa que permite degustalo nas súas preparacións máis diversas acompañándoo ademais cos famosos viños da zona. A festa celébrase desde 1991 e naceu por colaboración da Confraría de Pescadores e a Agrupación de parquistas do Carril. Este ano non haberá actos oficiais, pero o produto estrela seguirá estando moi presente na localidade para todo aquel que queira achegarse ata alí e degustalo.

https://parquistasdecarril.es/festa-da-ameixa/

 

Danzas Ancestrais de San Roque do Hío. Cangas

Varias parroquias do municipio de Cangas souberon conservar ata os nosos días unhas danzas ancestrais de gran colorido e vistosidade e que foron consideradas no seu conxunto como celebración de interese turístico. Chegado o 16 de agosto son os veciños do Hío os que se reúnen en torno ao seu famoso cruceiro para interpretar a danza en honra a San Roque, tamén coñecida como dos peregrinos, e cuxas orixes se remontan polo menos ao século XIV. Hai varias hipóteses sobre por que se comezou a levar a cabo esta danza. A principal é que era unha forma de agradecer ao patrón da parroquia a curación da peste que arrasara a contorena, pero tamén podería ser un xeito de imitar os bailes da nobreza local.

https://cangas.gal

 

Festas de San Roque. Vilagarcía de Arousa

As tradicionais festas en honra a San Roque reformúlanse este ano para garantir a seguridade dos participantes evitando as aglomeracións. É por iso que nesta ocasión non poderá desenvolverse a desenfadada Festa da Auga nin os actos relixiosos centrais do día 16, pero si haberá propostas adaptadas para que veciños e visitantes non falten á súa cita anual co San Roque de Vilagarcía de Arousa. Os actos do combate naval terán lugar de forma simultánea desde tres localizacións diferentes (a capital municipal, O Carril e Vilaxoán) para permitir que poidan ser seguidos por un amplo número de persoas, pero evitando a habitual concentración de xente na praia de Compostela-A Concha.

http://www.vilagarcia.es/

 

Festa da Malla. Meira

A tradicional colaboración veciñal para realizar algunhas actividades agrícolas é o que inspirou fai xa case 40 anos en Meira o nacemento da Festa da Malla. Con esta celebración os veciños rememoran o labor da malla de cereais, actividade na que os agricultores separaban o gran da palla, para destinalo a fariña ou para forraxe de animais. A demostración deste traballo tradicional compleméntase con mostras de maquinaria e artesanía e degustacións de pratos e produtos típicos.

http://www.concellodemeira.com

 

O Naufraxio. Laxe

Os sucesos que experimentou en primeira persoa o mariñeiro Avelino Lema e a escenificación que contemplara en Perú animárono a implantar hai xa máis de medio século no seu Laxe natal esta peculiar celebración. O Naufraxio ten lugar cada 17 de agosto, coincidindo cos festexos locais en honra da Virxe do Carme, e propicia que as augas do porto laxense sigan a ser escenario dun simulacro de naufraxio por parte dun grupo de mariñeiros e do posterior milagre polo que un deles que se afogou volve á vida tras a intercesión da Virxe. A situación actual obrigou a suspender os festexos deste ano, pero os seus promotores esperan retomalos no 2021.

http://www.concellodelaxe.com

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *