A pegada de Man segue viva en Camelle

O 28 de decembro, Día dos Inocentes, cúmprese un novo aniversario da morte de  Manfred Gnädinger. Ese era o nome que figuraba na súa documentación, aínda que para todos aqueles que souberon da súa peripecia vital e artística era o Alemán de Camelle e para quen o coñeceu en persoa foi simplemente Man. A ese porto pesqueiro situado no municipio de Camariñas, en pleno corazón da Costa da Morte, foi a onde este artista de orixe alemá foi a dar a comezos dos anos 60 tras unha crise vital que o levou a romper coa súa vida anterior. E alí foi onde permaneceu ata a súa morte, no ano 2002, apenas un mes e medio despois de que a pegada da catástrofe do Prestige alcanzase o lugar que convertera no seu fogar e no seu medio de expresión artística. 

 

Man desenvolveu na Costa da Morte unha peculiar forma de vida que espertou suspicacias ao principio, pero que acabou por calar nos habitantes do lugar. Eremita e artista, esquivo e incomprendido, pero tamén visionario en moitos aspectos, fíxose famoso pola súa peculiar vestimenta, apenas cuberto por un taparrabos, e polo lugar que elixiu para reconstruír a súa vida: un espazo xunto ao mar, sen electricidade nin auga corrente, pero en pleno contacto coa natureza, arrolado polas ondas e no que puido dar renda solta á súa pulsión artística.

 

A súa comuñón co medio que o rodeaba e a forma de vida que elixiu non foron sempre ben entendidos, pero a coherencia coa que desenvolveu a súa vida acabaron por impoñerse aos prexuízos.  Man dedicouse a modelar a paisaxe que o rodeaba dando forma ás pedras e aos obxectos que arrastraba o mar, pero tamén ao cemento do dique construído nas inmediacións do xardín museo que foi levantando cos anos. 

 

Durante os 40 anos que pasou en Camelle, Man foi creando tamén unha inxente cantidade de material artístico en forma de debuxos, textos e fotografías. E quixo que aqueles que o visitaban puxesen tamén o seu gran de area achegando as súas propias ilustracións aos cadernos que ía completando.

 

Coa marea negra do Prestige, a súa imaxe, marcada pola dor, converteuse nunha icona da catástrofe e contribuíu tamén a avivar a onda de solidariedade que atraeu ata as costas galegas a miles de voluntarios dispostos a loitar contra a marea negra. Pero o golpe que sufriu o lugar que convertera no seu fogar e a natureza que tanto amaba foi demasiado para Man. O 28 de decembro do 2002 falecía, segundo contan, por mor da tristeza en que se sumiu.

 

O seu legado debátese hoxe entre a supervivencia e o regreso á natureza. O Museo  Man de Camelle aberto nun edificio de titularidade municipal converteuse en depositario dunha parte importante da súa produción artística e acolle unha exposición que profunda na relación de Man co medio en que viviu. Alí pódense atopar fotografías, bosquexos, documentos con aforismos, obxectos persoais, cadernos, debuxos realizados polas persoas que o visitaban e  algunhas das pezas que creaba cos obxectos que arrastraba o mar. E a que foi a súa vivenda, a Casa do Alemán, xunto ao mar, aínda permite apreciar como era o seu humilde modo de vida, aínda que o paso do tempo e a acción dos elementos (mareas e temporais) fixo xa estragos no seu xardín museo mentres prosegue o debate entre aqueles que defenden que habería que protexer tamén esas creacións e os que consideran que Man preferiría que fose a propia natureza a que tomase esa decisión. No que non hai dúbida é en que a súa mensaxe de conexión coa nosa contorna natural permanece máis viva que nunca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *